Esta tarde celebraranse tres comisións informativas que prepararán a sesión de marzo que se celebrará o vindeiro mércores 31.
A Comisión de Economía e Hacienda (18 h) tratará a modificación orzamentaria para a contribución do Concello á liña de axudas “Porriño Impulsa 2021” para hostalería, comercio e autónomos afectados polas restricións por mor da pandemia.
A operación mediante suplemento de crédito financiado co remanente do tesourería será de 82.138 euros que é a contribución municipal que completará os 57.861 euros que proporciona a Deputación ata acadar os 140.000 euros do importe total da axudas que dará o Concello aos sectores económicos máis afectados.
Doutra banda, esta tarde tamén se celebrará como unha comisión municipal de Urbanismo (18.30 h) e comisión de Deportes que coñecerá a proposta da mesa de contratación na licitación da prestación de servizos na Piscina Municipal.
Deixamos ligazón coa orde do día de cada comisión en “pdf”
O Concello do Porriño renovou a subvención anual para o Club de Atletismo Porriño que esta tempada 2021 recibirá 17.000 €. David Alonso, concelleiro de Deportes e Patricia Estévez, presidenta do club formalizaron o procedemento nas instalacións da pista de atletismo no Polígono da Granxa, coa presenza de atletas de distintas categorías.
O Club de Atletismo Porriño conta con 175 expedientes federados, dos cales 120 son residentes empadroados no municipio porriñés. Estrutúrase en dúas seccións: atletismo e tríatlon, que permite complementar a actividade atlética coa natación e o ciclismo.
Hoxe, coa estrea da desescalada, o Concello do Porriño anunciou a reapertura da Piscina Municipal.
Segundo a dirección da instalación, o uso da piscina lévase a cabo nos mesmos termos que antes do 27 de xaneiro. É dicir, mediante solicitude de cita previa tanto para a piscina como para o ximnasio, xa que as quendas de uso son con capacidade restrinxida.
Restáuranse as clases de natación, aquagym, pilates e ximnasia de mantemento, tamén con quendas de catro persoas por monitor.
A alcaldesa, Eva García, en presenza do concelleiro delegado de Deportes, David Alonso, asinou este mediodía o contrato de patrocinio do Concello do Porriño co club ciclista Master da Louriña, representado polo seu presidente, Juan José Alvarez Cerdeira.
A achega municipal será de 15.000 euros para esta entidade deportiva que ten 110 licenzas para esta tempada.
Manteñen 5 equipos en categorías elite e sub 23 masculino e feminino; en alevíns femininos; na categoría máster (veteranos) e a nova formación de “mountain bike” para categoría BTT-XCO.
Esta campaña copmpetirá baixo a denominación “La Sal Cocinas Louriña”, despois do acordo con esa firma, como principal patrocinador privado.
A escuadra porriñesa dispón entre os seus principais baluartes con Aida Valiño, Uxía Fernández, Carla Guisande, Elsa Pena e en homes con Gustavo Rodríguez e Anxo Lorenzo.
A Concellería de Deportes informa que o Concello do Porriño acordou reabrir algunhas instalacións deportivas de titularidade municipal para a práctica de actividades deportivas federadas a nivel autonómico nos termos e restricións que actualmente determina a Xunta de Galicia. Por medio dun decreto da Alcaldía comunícase a reapertura das instalacións deportivas que acollen actividades federadas, “os límites e consideracións que se recollen no decreto da Xunta deben ser respectados polos deportistas”. A decisión permite reabrir, polo momento, os pavillóns do Polideportivo Municipal, as pistas de tenis e pádel así como as pistas de atletismo.
María Gracia Paniccia, presidenta do Porriño Industrial, acompañada de Mario López, coordinador de fútbol base, asinou hoxe co concelleiro de Deportes, David Alonso, o acordo de axuda municipal para este club consistente nunha subvención de 60.000 euros.
O Porriño Industrial conta con 15 equipos, dos cales 5 son femininos, e un total de 261 licenzas.
O importe da achega municipal ao Porriño Industrial destinarase ao mantemento dos equipos base así como a sufragar parte dos gastos do equipo da Liga Nacional Xuvenil, mentres que o equipo da Rexional Preferente segue agardando a que se adopte unha decisión coa competición, condicionada polas restricións anti-Covid.
Neste ano 2021, o Concello do Porriño adica un total de 476.000 euros en subvencións aos principais clubs do municipio.
Hoxe celebrouse a presentación da tempada 2021 do equipo “La Sal Cocinas Louriña” en Porriño, xunto á escultura que honra a Oscar Pereiro, gañador do Tour de Francia do 2006. Este club, nacido en 2020, ten 110 licenzas e 5 equipos en categorías elite e menos de 23 homes e mulleres; en xuvenís femininas; en BTT-XCO e na categoría máster (veteranos).
O Concello do Porriño é o principal patrocinador desta escuadra ciclista cunha axuda de 15.000 euros máis outras achegas na organización de probas ao longo da tempada.
O presidente do club, Juan José Alvarez Cerdeira destacou o acordo alcanzado co Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra para incorporar ao equipo xuvenil feminino a cinco das mozas que se forman neste centro de alto rendemento. Entre elas a triatleta porriñesa, Carla Guisande e Elsa Pena. Mentres que Aida Valiño e Uxía Fernández liderarán o equipo de elite feminino.
No equipo masculino, Iago Lorenzo, en sub 23 e Gustavo Rodríguez, en elite, serán os referentes esta tempada ás ordes de Jacobo Ucha.
Rafa Pérez, no nome de “La Sal Cocinas”, principal patrocinador privado do equipo, explicou que a firma que representa “quixo asociarse cun proxecto deportivo que nos trouxo moitas alegrías no Porriño”. De xeito especial, o representante da firma “La Sal Cocinas” referiuse “a aposta que fai este club polo ciclismo feminino, tanto en júnior como en elite e sub 23, sacando dous equipos, consolidando o ciclismo como actividade integradora” , dixo Rafa Pérez.
Finalmente, David Alonso, concelleiro de Deportes en Porriño, criticou que institucións “como a Xunta de Galicia dean as costas ao deporte de base e gastan nunha Volta a España, en definitiva, invisten mal, ao noso xuízo”.
O conselleiro compárao co gasto que veñen realizando outras administracións, como o Concello do Porriño. Alonso Bargiela afirma que “desde 1996 este Concello apoia o ciclismo en deporte de base e categorías inferiores con máis de 1 millón de euros que serviron para conseguir tantos ciclistas como o val da Louriña produciu”.
O Concello de Porriño destina un total de 476.000 € en subvencións aos principais clubs deportivos do municipio neste exercicio 2021, mediante convenios. Hoxe a alcaldesa Eva García e o presidente da Unión Deportiva Atios, José Cebreiro, en presenza do concelleiro de Deportes, David Alonso, asinaron a correspondente achega a este club de fútbol, consistente en 45.000 €.
A U.D. Atios, que ten un equipo en Terceira División e doce equipos máis en categorías inferiores, agrupa máis de 200 licenzas.
O presidente Cebreiro expresou o agradecemento do club “ao Concello de Porriño, á alcaldesa e ao concelleiro Alonso pola súa implicación cos deportes neste municipio” e expresou “o desexo de seguir progresando e de que esta tempada a UD Atios acade manterse na Terceira División Nacional e levando adiante o nome de Porriño por Galicia “, dixo o máximo dirixente da U.D.Atios.
No nome do goberno municipal, David Alonso sinalou que “para nós é unha satisfacción seguir colaborando cos clubs”. O concelleiro de Deportes considerou que o destino desta subvención municipal “en momentos como o que atravesamos é, entre outros, para gastos de protocolos antic-Covid para a seguridade dos deportistas”.
Nos vindeiros días seguirán asinándose os respectivos convenios cos demais clubs das distintas modalidades que subvenciona o Concello.
Audios do presidente da U.D. Atios e do concelleiro de Deportes
O Concello do Porriño expresa o seu pesar pola morte do atleta Alejandro Gómez e traslada as súas condolencias aos seus familiares e amigos. Sufría unha grave enfermidade que acabou hoxe coa súa vida, aos 53 anos. Este atleta, alcumado como “Galgo de Zamans” acudía regularmente a Porriño e mantivo fortes lazos coa comarca da Louriña. Alejandro Gómez foi o principal referente do atletismo na área de Vigo e un exemplo para xeracións de atletas do Porriño e doutros concellos. Gómez foi un dos mellores atletas españois na décadas dos oitenta e dos noventa, presente en tres Xogos Olímpicos (Seúl 88, Barcelona 92 e Atlanta 96) e gañador de infinidade de probas.
O Concello do Porriño suspenderá temporalmente o mercado ambulante durante as tres vindeiras semanas, segundo acordou hoxe a Comisión Municipal de Seguimento da Covid. Tamén durante ese período de tempo pecharanse os parques infantís e os recintos culturais, sociais e deportivos, conforme ás restricións que acordou a Xunta de Galicia e vixentes ata o 17 de febreiro.
A alcaldesa, Eva Garcia explicou que estas medidas locais de acompañamento ás restricións autonómicas “adóptanse para garantir a seguridade de todos limitando ao máximo a interacción e o contacto social”.
Por outra banda, a proposta do goberno municipal e co acordo dos participantes na Comisión Municipal de Seguimento, determinouse a celebración dun pleno municipal extraordinario para aprobar unha modificación orzamentaria para habilitar un fondo de axudas económicas directas, semellante ao que funcionou en 2020 e repartiu achegas por un importe total superior aos 80.000 €.
“A idea é axudar de xeito especial á hostalería, como sector máis damnificado polas restricións, pero tamén ao comercio e aos autónomos”, engadiu a alcaldesa. Eva Garcia manifestou, tamén, que agarda “chegar a un consenso con todos os grupos políticos da corporación a contía desas axudas para que esta proposta saia coma unha iniciativa común de toda a corporación”.