Aida Valiño, do equipo “Louriña Cycling Team”, encabeza os éxitos deportivos dos nosos clubs no Campionato Galego de Contra Reloxo 2020

A triatleta Aida Valiño, flamante fichaxe do novo equipo ciclista porriñés “Louriña Cycling Team”, produto da fusión entre “Máster da Louriña” e “A.D. Avanza”, proclamouse campioa galega de contra reloxo individual 2020, na categoría elite. Cun crono de 19:36, Aida amosou a súa calidade. Hai que ter en conta que volveu á competición xa que estivo aleixada do ciclismo nestes últimos anos despois da súa maternidade e de sufrir dous accidentes de tráfico cando adestraba.

Na mesma categoría, a porriñesa “Chus” Barros, do “Spol C.C.” foi subcampioa de Galicia cun tempo de 21:09.

A proba disputouse sobre un circuíto de 13 quilómetros na vila termal de Baños de Molgas, con saída e meta no Santuario dos Milagres.

No que atinxe á categoría elite masculina, o ciclista Roberto Mediero, do “Louriña Cycling Team”, foi medalla de bronce, a 1:13 do gañador, Samuel Blanco. Por outra banda, Gustavo Rodríguez, (“Louriña Cycling Team”) que partía como favorito ao título, rematou cuarto a consecuencia dun pinchado que rebaixou as súas posibilidades.

Na categoría cadete masculino, Roberto Pereira (“A.D. Avanza”), foi terceiro. Parou o crono en 21:00, a 19″ do gañador.

Finalmente, en categoría Máster 40 masculina, Carlos Iván Vidal de Sa (“Louriña Cycling Team”) foi medalla de prata e na categoría Máster 40 feminina, Mónica Alarcón (“Louriña Cycling Team”) foi medalla de bronce. 

 

 

Novas canastras laterais no Polideportivo Municipal

 

O Concelleiro de Deportes, David Alonso e o xefe do Servizo, Julio Bernárdez comprobaron a instalación no Polideportivo Municipal das novas canastras laterais xa que as anteriores estaban moi deterioradas.


Instaláronse dous xogos de canastras colgantes suxeitas ao teito, dotadas de adaptadores para baloncesto e minibasket e con automatismos para a súa recollida.
O equipamento contratouse coa empresa “Mondo Ibérica”, mediante contrato menor, cun orzamento de 17.363 €.

Presentado o primeiro equipo do Balonmán Porriño

O Balonmán Porriño presentou hoxe o seu equipo que xogará unha tempada máis na “Liga Guerreras Iberdrola” da División de Honra feminina. O vindeiro sábado 19 realizará a súa estrea ante a afición local recibindo no Pavillón Municipal ao BM. Morvedre.

O acto celebrouse no patio do Centro Cultural Municipal. Polos protocolos anti-covid tan só presentouse o primeiro equipo que este ano denominase “Conservas Orbe Rubensa BM Porriño”. Abel Estévez, presidente do club, agradeceu de xeito especial que o xogador do Celta de Vigo, Rubén Blanco incrementase o seu apoio económico, razón pola que  a firma “Rubensa” incorporase ao nome oficial do equipo xunto con Conservas Orbe que comezou a pasada campaña.

Estévez referiuse ao Concello do Porriño “ao que adicamos este acto para agradecerlle o seu apoio xa que é o noso principal soporte económico” e definiu os meses anteriores como “moi difíciles ata que soubemos que o equipo non descendería porque non puidemos pelexar pola permanencia nas canchas a causa do parón da Liga que impuxo a pandemia”.

O presidente vaticinou que “este ano, se as lesións nos respectan, temos plantel para facer unha boa tempada”.

A continuación, David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño dixo “celebrar a unión de vontades das diferentes administracións e o club para garantir deporte seguro”. Alonso felicitou a Abel Estévez e a xunta directiva do club “polo cumprimento dos protocolos anti-covid que observo cada día nos adestramentos no Pavillón e polo traballo que estades a realizar”.

Pola súa banda, Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, dirixíndose ás xogadoras, díxolles que “sodes o punto de mira de 10.000 deportistas, xogadores e xogadoras de balonmán que aínda non poden volver á normalidade polo que o voso comportamento e responsabilidade, amosará que o balonmán é un deporte seguro”.

O presidente da FGB garantiu que os protocolos anti-covid que se acordaron coa Secretaria Xeral do Deporte que permiten aforo reducido nos pavillóns, “van funcionar”.    

Daniel Benavides, xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia ponderou “a importancia de que levedes o nome de O Porriño, o concello do deporte, e que estades mantendo e dando continuidade ao compromiso de moita xente que vos apoia como a Secretaria Xeral para O Deporte”.

Por último, pechou os discursos a alcaldesa Eva García que abundou na referencia á hostalaría local que “realiza un esforzo moi especial”. “Ten moito valor o apoio económico que dan os hostaleiros do Porriño a este club nun intre tan durísimo a pesar de ser un dos sectores máis castigados”.

Novo éxito de Carla Guisande proclamándose subcampiona de España de triatlón sprint

 

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Deportes que dirixe David Alonso quere amosar a súa felicitación a triatleta porriñesa Carla Guisande que ven de proclamarase subcampiona de España na modalidade Triatlón Sprint, nas probas celebradas en Pontevedra.

Carla acadou o segundo mellor tempo na proba, tan só por detrás de Helena Moragas. Ademais a prestación da triatleta porriñesa sumou para que o seu equipo, Cidade Fluvial de Lugo, proclamarase campión de España por clubs.

Este novo éxito de Carla Guisande no panorama nacional, cando puido reiniciarse a tempada 2020, despois do parón polo estado de alarma e cos novos protocolos anti-covid, resulta prometedor. Lembremos que a boa racha de resultados de 2019 valeulle para ser galardoada na recente Gala do Deporte da área de Vigo.

 

O “Louriña Cycling Team”, o novo equipo ciclista do Porriño estrease ao grande nos Campeonatos de España de contra reloxo e fondo en estrada

Sonia Parente e Uxía Fernández, dúas ciclistas do “Louriña Cycling Team”  fixeron a estrea do novo equipo ciclista porriñés que está a participar dende hoxe e ata o domingo 24, nos Campeonatos de España contra reloxo e de fondo en estrada que se celebran en Jaén.

Sonia rematou hoxe no posto 26 da clasificación na proba de contra reloxo feminina disputada sobre un percorrido de 26 quilómetros entre La Iruela e a Serra de Cazorla que realizou en 52’51”. A súa compañeira de equipo, Uxía Fernández rematou no posto 27 da clasificación cun tempo de 55’00”.

Mañá sábado, ambas as dúas xunto ca súa compañeira Elena Caride participarán na proba en liña do Campeonato de España feminino élite que se realizará sobre unha distancia de 105 quilómetros, nun circuito entre Ubeda e Baeza.

Finalmente, o domingo será a quenda dos homes. Un ciclista do equipo porriñes, Roberto Mediero participará na proba en liña élite que cubrirá un percorrido de 185 quilómetros, tamén entre Ubeda e Baeza.

David Alonso, concelleiro de  Deportes do Porriño, desplazouse ata Jaén para acompañar ao novo equipo na súa posta en escea. O Concello do Porriño é o principal patrocinador do “Louriña Cycling Team” que próximamente realizará a súa presentación oficial na nosa vila.

Ponse a proba no Multiusos de Torneiros unha cabina anti-covid desarrollada por unha empresa do Porriño

Esta semana, na porta de acceso principal ao Multiusos de Torneiros, está a proba unha cabina anti-Covid desarrollada por “Ramecq”, unha empresa do Porriño.

O pórtico de entrada, está dotado cun sistema de toma de temperatura, dispersor vaporizador, xel hidroalcohólico e alfombra desinfectante como xa tiveron oportunidade de comprobar as persoas que acuden ás oficinas de “Porreemprego” e demais servizos ubicados no Multiusos de Torneiros.

Segundo explica a empresa “Ramecq” na súa páxina web, o sistema co que está dotada a cabina “Smart Sanitizer” que desarrollaron, emprega productos químicos e desinfectantes aprobados polas normativas europeas e respetuosos co medio ambiente.  Esta empresa ten a súa sede no polígono industrial de A Granxa.

David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais e Emprego manifestou que “colocaremos a cabina a proba noutras instalacións municipais coma o Polideportivo, tamén no Centro Cultural e falei con Alfonso Pato, director do Festival de Cans para que valoren a súa instalación na vindeira edición deste evento”.  

Tres deportistas porriñeses premiados na Gran Gala do Deporte da área de Vigo

Jorge Punzón, Carla Guisande e Yago Martínez foron os tres deportistas porriñeses galardoados onte na XXIª Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca celebrada nos xardíns do Pazo de Castrelos. Os méritos dos tres durante a pasada campaña motivaron os premios que recibiron. Dase a circunstancia de que os tres foran recoñecidos polo Concello do Porriño meses antes.

David Alonso, concelleiro de Deportes asistiu en representación do Concello. Dos tres galardoados, tan só Jorge Punzón estivo presente para recibir a metopa como mellor ciclista, en categoría absoluta, da área de Vigo no ano 2019.

David Alonso lembrou que o Concello xa recoñeceu o ano pasado a traxectoria de Jorge Punzón encomendadolle o pregón das Festas do Cristo, “papeleta que resolveu de xeito brillante”.

Por outra banda, o concelleiro de Deportes tamén recordou que os outros dous galardoados en categoría promesas, a triatleta Carla Guisande e o piloto de motocross Yago Martínez, ambos sub-23, tiveron contrato de patrocinio do Concello daunte a pasada tempada.

O concelleiro reivindicou “os premios a estes tres xóvenes, acreditan a forza da nosa mocedade e revalidan o alcume de Porriño coma O Concello do Deporte”, manifestou David Alonso.

Alberto Abalde elixe O Porriño para poñerse en forma antes de incorporarse ao Real Madrid


O baloncestista galego Alberto Abalde elixiu O Porriño para realizar un traballo de preparación previo a súa incorporación ao Real Madrid. Dende onte, no Polideportivo Municipal, Abalde, xunto co seu adestrador persoal, realiza diversas sesións de exercícios de mantemento e tandas de tiros a canasta.

Abalde optou por O Porriño polas xestións realizadas por Julio Bernárdez, ex-baloncestista e xefe do Servizo de Deportes do Concello. E atendendo á invitación que lle fixo David Alonso, concelleiro de Deportes que acudiu a darlle a benvida ao Pavillón.

Abalde, alero de 2.02 de estatura e internacional coa selección española, estará dous dias máis adestrando pola súa conta na nosa vila antes de viaxar a Madrid para iniciar a pretempada co equipo merengue.

A Piscina Municipal do Porriño estará aberta tamén no mes de agosto, a partir do luns 3

Este ano 2020, dadas as extraordinarias circunstancias acontecidas, a Concellería de Deportes que dirixe David Alonso tomou a decisión de manter aberta a Piscina Municipal tamén durante o mes de agosto, agás sábados e domingos. Polo tanto, a Piscina volverá abrir o vindeiro luns 3 de agosto.

O horario de apertura será diferente ao actual. Na quenda matinal será dende as oito ata as doce do mediodía. E pola tarde dende as sete ata as dez da noite.

Os demais requisitos que actualmente están a esixirse, manteránse:

O emprego da máscara será obrigatorio en todo momento, agás na piscina. A solicitude de cita será un requisito imprescindible. Deberá pedirse cun máximo de 48 horas de antelación, ben por teléfono a través de número 986 34 44 20 ou por correo electrónico: piscinaporrino.eulen@gmail.com

O tempo de nado é de unha hora e non poderá haber máis de dúas persoas por cada rúa na piscina grande. No vaso pequeno, o aforo máximo será de 8 persoas.  

Por outra banda, a Concellería de Deportes informou tamén que durante o mes de agosto continuarán as obras de impermeabilización do teito da Piscina que viñan realizándose.

O vindeiro sábado 25, a Piscina Municipal permanecerá pechada


O Servizo e Deportes do Concello informa que a Piscina Municipal do Porriño permanecerá pechada o vindeiro sábado 25 de xullo, Día de Galicia e festivo autonómico non laborable.

O domingo 26, a Piscina Municipal volverá abrir as súas portas, no horario de 10 a 14 horas.

Lembramos que dende a súa reapertura, a Piscina Municipal está a funcionar cunhas estritas pautas de prevención do Covid-19.
O emprego da máscara é obrigatorio en todo momento, agás dentro da piscina.

A solicitude de cita previa é un requisito imprescindible. Debe solicitarse cun máximo de 48 horas de antelación, ben por teléfono a través do número 986 34 44 20 ou por correo electrónico no enderezo: piscinaporrino.eulen@gmail.com

O tempo de nado é de unha hora e non poderá haber máis de dúas persoas por cada rúa na piscina grande. No vaso pequeno, o aforo máximo será de 8 persoas.