A Policía Local avisa de cortes de tráfico e solicita a retirada de vehículos estacionados nas rúas afectadas polo paso da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo.

A Policía Local do Porriño informa á veciñanza de que esta vindeira fin de semana, haberá cortes de tráfico e restricións para estacionamento de vehículos coa ocasión de celebrarse a “V Challenge Rías Baixas” de ciclismo que discorrerá por Porriño e outras poboacións da contorna.

Engadimos nas dúas imaxes adxuntas, os rutómetros das etapas con horarios de paso previstos e as rúas e estradas polas que circularán os ciclistas.

O sábado 8, data da segunda etapa con saída e chegada en Mos, haberá cortes de tráfico puntuais a partir das cinco da tarde cando a caravana circule en dirección Tui, e posteriormente, a partir das seis e media da tarde, cando regrese por Cans, rúa Antonio Palacios e Avenida de Galicia en dirección ao Pazo de Mos.
O domingo 9, coa ocasión da terceira e última Porriño-Porriño, haberá as maiores restricións.


A Policía Local solicita aos condutores que non estacionen os seus vehículos desde as 8.00 horas na avenida Domingo Bueno, en ambas marxes (entre a intersección con Fernández Areal ata a praza de San Sebastián). Tampouco poderá estacionarse, no mesmo horario, na rúa Parque Infantil que será cortada ao tráfico, de mesmo xeito que a rúa San Sebastián, entre a capela de San Bieito e a praza de San Sebastián.
A Policía Local prega a colaboración dos condutores e advirte que os vehículos que estean estacionados nas devanditas rúas, serán retirados polo guindastre.
A Policía Local sinalizará nas rúas afectadas e colocará follas informativas nos parabrisas dos vehículos para lembrar estas circunstancias aos condutores.



 

Porriño acolle esta fin de semana a “final four” xuvenil feminina de Galicia de balonmán

Esta fin de semana rematará a competición autonómica de balonmán feminino na categoría xuvenil coa celebración da  Final a Catro ou “Final Four” que acollerá o Polideportivo Municipal de O Porriño.

Hoxe tivo lugar o acto de presentación, no propio pavillón municipal, no  que participaron o concelleiro de Deportes, David Alonso; o xefe provincial de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides; e unha representación da xunta directiva da Federación Galega de Balonmán, encabezada polo seu presidente, Bruno López Molina.

A “Final a Catro” xuvenil feminina terá lugar no Pavillón Municipal de O Porriño durante a fin de semana e os partidos do domingo serán retransmitidos por streaming da Federación Galega de Balonmán. O sábado pola mañá celebraranse as semifinais. O partido Calfrima Carballal – SAR Ledisson comezará ás 10:00 horas e o Balonmano Porriño – U.B. Lavadores está previsto para as 12:00 horas. Ao día seguinte celebraranse, nos mesmos horarios a loita polo terceiro posto e a continuación, a gran final. Nesta oportunidade, todos os partidos serán transcendentes xa que hai tres prazas en xogo para a participación na fase estatal, polo que o partido polo terceiro posto terá unha enorme importancia.

Presentación da “V Challenge Rías Baixas” de ciclismo que se disputará a fin de semana do 8 e 9 de maio

O ciclismo volverá ás estradas da bisbarra cunha competición como a “Challenge Rías Baixas” que neste ano 2021 vai cumprir a súa quinta edición, coa organización do club “Master da Louriña”. A proba, de rango nacional, terá lugar na fin de semana do 8 e 9 de maio, cando o Goberno Central ten previsto que decaia o estado de alarma e que se alivien moitas das restricións que aínda temos hoxe.

Terá tres etapas: unha contra reloxo en Guláns de 8 kms; unha segunda etapa en liña de 81 kms con final en Mos e a etapa final de 85 kilómetros en O Porriño.

Este mediodía celebrouse na praza do Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello do Porriño, a presentación da edición deste ano nunha roda de prensa na que participaron David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño xunto cos seus homólogos dos concellos de Ponteareas e Mos xa que cada un destes concellos albergará unha etapa da “Challenge”. Á presentación tamén asistiu Gorka Gómez, deputado de Deportes, no nome da Deputación Provincial e a alcaldesa do Porriño, Eva Garcia que saludou aos presentes antes de reanudar a súa axenda de traballo.

Juan José Alvarez Cerdeira, presidente do equipo “Master da Louriña”,  manifestou no nome do club organizador, que “agardamos chegar a unha participación de 200 corredores como ven sendo habitual” e atribuiu esta resposta a que “sabemos darlle aos ciclistas o que eles queren”. El presidente del CC Master da Louriña reivindicou que na edición de 2020 o gañador da Challenge fora Jaime Romero quen “pouco tempo despois pasou a profesional e fichou co equipo Caja Rural-Seguros RGA”.

Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega ponderou nesa liña o “excelente traballo de promoción de categorías inferiores que realizan clubs como Master da Louriña para sacar e dar a coñecer a futuros ciclistas”.

Pola súa banda Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes alabou o “enorme esforzo conxunto dos clubs e das institucións eiquí representadas por sacar adiante a organización de eventos deportivos que ademais xeran unha sinerxia económica”, manifestou o representate da Deputación.

Tamén falaron os concelleiros que representaban a Mos, José Areal, e Ponteareas, Miguel Bouzo. Ambos revalidaron o compromiso dos seus respectivos concellos con esta proba da que acollerán a primeira e segunda etapa respectivamente.

Rematou o acto de presentación, David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño que lembrou que dende o ano 1996 o concello porriñés manten un apoio permanente ao ciclismo con achegas que suman un millón de euros. E garantiu que este ano a “Challenge Rias Baixas” volverá “a dar moito espectáculo tanto na contra reloxo de Guláns como na etapa que rematará no Pazo de Mos e agardemos que na última que acolleremos no Porriño”.   

Presentación da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo

O ciclismo da bisbarra volverá ás estradas cunha competición como a “Challenge Rías Baixas” que neste ano 2021 vai cumprir a súa quinta edición, coa organización do club “Master da Louriña”. A proba terá lugar na fin de semana do 8 e 9 de maio, cando o Goberno Central ten previsto que decaia o estado de alarma e que se alivien moitas das restricións que aínda temos hoxe.

En 2020, a “Challenge” celebrouse nas súas datas habituais de finais de febreiro, é dicir antes da declaración da pandemia.

O vindeiro xoves 29, ás 12 horas, terá lugar na praza do Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello do Porriño, a presentación da edición deste ano nunha roda de prensa na que participará David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño xunto cos seus homólogos dos concellos de Ponteareas e Mos xa que cada un destes concellos albergará unha etapa da “Challenge”. Á presentación tamén asistirá Gorka Gómez, deputado de Deportes, no nome da Deputación Provincial.

O pleno aprobou o plan de axudas “Porriño Impulsa 2021″e decidiu a nova concesionaria da Piscina Municipal

O goberno municipal acadou a aprobación plenaria e, polo tanto, aceptase a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management”, a explotación da Piscina Municipal.  Esta empresa, que actualmente leva as piscinas municipais de Marín, Boiro e Cangas, foi a plica máis valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e adquire o compromiso de subrogar ao persoal actual, de 24 traballadores, da piscina municipal.

O acordo tomouse esta tarde pleno municipal ordinario de marzo, na sesión retomada no punto no que se suspendeu o pasado mércores. Votaron a favor os sete concelleiros presentes hoxe (4 do PSOE, 2 do BNG e Manuel Carrera da UDDL). Non acudiron os concelleiros e concelleiras dos restantes grupos municipais.

A alcaldesa Eva García explicou que a convocatoria respondía ao principio de “unidade de acto” recollido na lexislación municipal vixente e polo tanto a sesión retomábase e rematábase hoxe. “E o mesmo pleno coa mesma orde do día que se celebra en dúas sesión. Non hai nin nulidade nin ilegalidade nesta convocatoria”, rematou a alcaldesa que citou que “tamén ese é o criterio” do secretario xeral do Concello, Eduardo Portela.

Lembremos que na primeira parte deste pleno, tomáronse dous acordos salientables e ambos por unanimidade dos 17 concelleiros da corporación. Deste xeito acordouse que o Concello do Porriño habilite a liña de axudas económicas directas aos sectores máis afectados pola Covid, cunha asignación total de 140.000 €.  O plan, chamado “Porriño Impulsa 2021” está destinado á hostalería, comercio e autónomos, os máis afectados polas restricións derivadas da pandemia actual. Tamén aprobouse por unanimidade unha modificación do orzamento por unha cantidade de 108.000 € para afrontar as achegas municipais a varios programas de contratación de persoal subvencionado que suporán a creación de 196 postos de traballo.

Tamén na primeira deste pleno tomou posesión como nova concelleira do grupo municipal do Partido Popular, Ascensión Rosario Costas que cubre a vacante deixada por Ana María Paradela.

O pleno tratará o plan de axudas “Porriño Impulsa 2021” e decidirá a nova concesionaria da Piscina Municipal

O pleno municipal ordinario que se celebrará este mércores 31, a partir das 18:00 horas, abordará a aprobación da liña de axudas económicas directas aos sectores máis afectados pola Covid, cunha asignación total de 140.000 €.  O plan, chamado “Porriño Impulsa 2021” está destinado á hostalería, comercio e autónomos, os máis afectados polas restricións derivadas da pandemia actual.

Na mesma sesión plenaria, inclúese unha modificación do orzamento por unha cantidade de 108.000 € para afrontar as contribucións municipais a varios programas de contratación de persoal subvencionado.

A corporación tamén decidirá se aceptar a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management”, a explotación da piscina municipal.  Esta empresa, que actualmente leva as piscinas municipais de Marín, Boiro e Cangas, foi a plica máis valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e adquire o compromiso de subrogar ao persoal actual de 24 traballadores da piscina municipal.

Ademais, será trasladada á Corporación, unha proposta para unha declaración de apoio institucional á industria cárnica, sector moi vencellado a Porriño.  Na declaración de apoio é valorado que o sector da carne xera mil postos de traballo no municipio e preto de 250 millóns de euros na facturación.

Finalmente, nesta sesión tomará posesión como nova concelleira do grupo municipal do Partido Popular, Ascensión Rosario Costas que cubrirá a vacante deixada por Ana María Paradela.

Adxuntamos a orde do día en “pdf”

Pleno ordinario marzo 2021

Esta tarde tres comisións informativas prepararán a sesión de marzo

Esta tarde celebraranse tres comisións informativas que prepararán a sesión de marzo que se celebrará o vindeiro mércores 31.

A Comisión de Economía e Hacienda (18 h) tratará a modificación orzamentaria para a contribución do Concello á liña de axudas “Porriño Impulsa 2021” para hostalería, comercio e autónomos afectados polas restricións por mor da pandemia.

A operación mediante suplemento de crédito financiado co remanente do tesourería será de 82.138 euros que é a contribución municipal que completará os 57.861 euros que proporciona a Deputación ata acadar os 140.000 euros do importe total da axudas que dará o Concello aos sectores económicos máis afectados.

Doutra banda, esta tarde tamén se celebrará como unha comisión municipal de Urbanismo (18.30 h) e comisión de Deportes que coñecerá a proposta da mesa de contratación na licitación da prestación de servizos na Piscina Municipal.

 

Deixamos ligazón coa orde do día de cada comisión en “pdf”

Comisión de Economía

Comunicación da convocatoria

Comunicación da convocatoria (1) 

Renovada a achega municipal para o club Atletismo Porriño

 

O Concello do Porriño renovou a subvención anual para o Club de Atletismo Porriño que esta tempada 2021 recibirá 17.000 €.
David Alonso, concelleiro de Deportes e Patricia Estévez, presidenta do club formalizaron o procedemento nas instalacións da pista de atletismo no Polígono da Granxa, coa presenza de atletas de distintas categorías.

O Club de Atletismo Porriño conta con 175 expedientes federados, dos cales 120 son residentes empadroados no municipio porriñés. Estrutúrase en dúas seccións: atletismo e tríatlon, que permite complementar a actividade atlética coa natación e o ciclismo.

Reaberta a Piscina Municipal

Hoxe, coa estrea da desescalada, o Concello do Porriño anunciou a reapertura da Piscina Municipal.

Segundo a dirección da instalación, o uso da piscina lévase a cabo nos mesmos termos que antes do 27 de xaneiro.  É dicir, mediante solicitude de cita previa tanto para a piscina como para o ximnasio, xa que as quendas de uso son con capacidade restrinxida.

Restáuranse as clases de natación, aquagym, pilates e ximnasia de mantemento, tamén con quendas de catro persoas por monitor.

Asinado o contrato de patrocinio con club Master da Louriña

 
A alcaldesa, Eva García, en presenza do concelleiro delegado de Deportes, David Alonso, asinou este mediodía o contrato de patrocinio do Concello do Porriño co club ciclista Master da Louriña, representado polo seu presidente, Juan José Alvarez Cerdeira.
 
A achega municipal será de 15.000 euros para esta entidade deportiva que ten 110 licenzas para esta tempada.
 
Manteñen 5 equipos en categorías elite e sub 23 masculino e feminino; en alevíns femininos; na categoría máster (veteranos) e a nova formación de “mountain bike” para categoría BTT-XCO.
 
Esta campaña copmpetirá baixo a denominación “La Sal Cocinas Louriña”, despois do acordo con esa firma, como principal patrocinador privado.
 
A escuadra porriñesa dispón entre os seus principais baluartes con Aida Valiño, Uxía Fernández, Carla Guisande, Elsa Pena e en homes con Gustavo Rodríguez e Anxo Lorenzo.