Publicadas as bases para a colocación dos postos en ‘Porrigalia’ que se celebrará os días 20, 21 e 22 deste mes de xullo no Porriño

O Concello vén de publicar as bases para a colocación dos postos  en Porrigalia que se celebrará no Porriño os días 20, 21 e 22 deste mes de xullo.

A solicitude de inscrición, dacordo coas mesmas bases, pode descargarse na web porrigalia.gal ou ben recollela no Centro Cultural Municipal do 9 ao 13 de xullo en horario de 9 da mañá a 2 da tarde.

 

O Porriño honra a figura de don Fidenciano Palacín na súa ’10ª Festa do Chouripán’ que se celebra este sábado, día 23 de xuño

A Praza de San Sebastián acolle este sábado, día 23 de xuño, dende as 7 da tarde, a ’10ª edición da Festa do Chouripán’ na que os asistentes poderán degustar o tradicional “chouripán”-a 2,5€ con bebida- elaborado de xeito artesanal con producto do país e co tradicional “Pan do Porriño”, que suministran varias panaderías da vila.

Coma xa é tradición, a  Festa do Chouripán contará coa súa fogueira de San Xoan, que acenderase as 12 da noite,  e con animación musical e cultural para facer máis agradable a experiencia.

Este ano a Festa terá un evento especialmente emotivo: a colocación da placa da nova praza Fidenciano Palacín. Trátase dunha inicativa que a asamblea de socios da Asociación de Veciños aprobou no ano 2016, e que reivindica a figura de don Fidenciano Palacín, veciño do barrio, impulsor de moitas iniciativas sociais e culturais  e moi coñecido por ser o antigo carteiro do Porriño.

A solicitude da Asociación de Vecilños foi aprobada en Pleno da corporación municipal do Porriño por unanimidade de todos os grupos da corporación local e asumida polo goberno local, a través da concellería de Urbanismo, que dirixe Marcelino Coto.

Ás 7 da tarde será a a inauguración pública da placa que vai renomear a praza anexa a capela de San Sebastián do Porriño, que pasará a denominarse, Praza Fidenciano Palacín. E que coma subliña a presidenta da Asociación de Veciños, Carmen Rodríguez, “faise realidade un acordo da nosa asamblea en recoñecemento á laboura dun veciño destacado e agradecemos a todos os partidos da corporación o seu apoio a esta proposta”.

O Goberno local, xunto coa Asociacion de Hostaleiros e a de Comerciantes do Porriño (ACIPOR), pon en marcha unha campaña para a organización do ‘I Pinchoneno’, aprobado polo Pleno Infantil

O Concello do Porriño  está a traballar na iniciativa de participación infantil e adolescente, enmarcada na candidatura do Porriño ao recoñecemento de ‘Cidade Amiga da Infancia’, de UNICEF, que trata  de facer un concello máis transparente e próximo, pero sobre todo pretende coñecer as opinións, intereses e necesidades dos veciños e veciñas máis novos, co compromiso de que estas serán atendidas.

Froito deste traballo é a creación do ‘Consello Municipal de Infancia’, que representa a tódolos nenos, nenas e adolescentes do Porriño e  que acordou no último Pleno, entre outras iniciativas, a realización de un Pinchorriño Infantil, que se chamará “Pinchoneno’.

O  “Pinchoneno’, que  tería lugar os días  14 e 15  do mes de setembro,  de 7 da tarde a 10 da noite, coincidindo coa antesala das  festas locais, foi unha proposta que saíu dos propios escolares e que logo de ser traballada nas aulas, e debatida, foi aprobada por unanimidade no Pleno infantil do pasado mes de abril.

O Concello quere atender e darlle resposta a esta iniciativa que serviría para reforzar a nosa candidatura ao recoñecemento outorgado por UNICEF e para isto, precisaríamos contar coa participación e colaboración do seu colectivo.

Aqueles hostaleiros que decidan sumarse a esta iniciativa e colaboren no proxecto, serán recoñecidos  a nivel local pola distinción que se lles otorgará desde o Concello coma ‘Socios impulsores  do 1º Pinchoneno’,  informando de  dita distinción  a Unicef ,  o  dereito a publicidade conxunta e cartelería e poder dispoñer do invitado  – Participante do programa de televisión Master Chef –  para a visita ó seu local  e promocionar ó seu pincho durante os dous días que dura a actividade.

O Goberno local confía no compromiso do sector hosteleiro do Porriño coa infancia, apoiando esta iniciativa xurdida dende os propios nenos e nenas porriñeses e que sen dúbida contribuirá a incrementar a imaxe e prestixio da nosa vila a nivel gastronómico e hostaleiro, involucrándonos todos para situar a O  Porriño como un referente no respecto e atención aos dereitos dos nenos e das nenas.

Os hostaleiros e hostaleiras interesados en en participar ou en recibir máis información poden dirixirxe  aos seguintes teléfonos: 986337624 de 15:00-19:00 horas.- OMIX do Concello; .- 986334000 de 9:30-14:00 horas, Asociación de Comerciantes e Industriais deo Porriño (ACIPOR), ou contactando con José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño. O prazo de inscrición remata o  mércores  día 20  de xuño.

 

 

O Porriño, escenario do ‘6º Festival de Bandas de Música de Escolas’

O Círculo Recreativo e Cultural do Porriño será o escenario do ‘6º Festival de Bandas de Música de Escolas’, que terá lugar o vindeiro sábado, día 9 de xuño, ás 8 e media da tarde.

No mesmo participarán, conxuntamente, cun programa de Bandas Sonoras de películas: a  Banda da Asociación Piloñesa Musical de la Fuente de Infiesto-Asturias e a Banda da Escola Municipal de Música do Porriño.

Dende este venres, día 8, mes do teatro no Centro Cultural Municipal dentro do ‘Circuito Galego de Teatro Amador 2018’

Dende este venres día 8 de xuño, e dentro do ‘Circuíto Galego de Teatro Amador 2018’, da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), o Centro Cultural Municipal do Porriño acollerá cinco representacións ao logo de todo este mes, con entrada de balde ata completar aforo.

O venres, día 8, dende as 8 e media da tarde, a obra a representar será “En Venda”, da compañía O Trasno Teatro, para público dende 12 anos.

O sábado, día 9: “Quero ser maior!”, de Axouxere Teatro. Dende as 7 da tarde. Para todos os públicos.

Venres, 15 de xuño, “Cousas de matrimonio”, a cargo de Max Teatro, ás 8 e media da tarde, para público dende 12 anos de idade.

Sábado, día 16: “Moito barullo e poucas carolas”, por Andaravía Teatro, ás 8 e media da tarde, tamén para público dende os 12 anos..

O domingo, día 17 de xuño, “As laranxas… non, non… cala”, por Atrezo Teatro, ás 7 da tarde. Teatro familiar.

@festivaldecans xuntou a 12.000 persoas os catro días que durou a súa 15ª edición

A 15ª edición do Festival de Cans , que contou coa meirande achega do Concello do Porriño na historia do certame, congregou ao longo dos seus catro días de duración a unhas 12.000 persoas que esgotaron todas as sesións con entradas á venda, ben anticipadamente ou durante a celebración do evento. “Sigue quedando patente deste xeito a existencia dun público fiel, tanto local como foráneo, moi diverso e interxeracional”, indican dende a organización.

Os seus organizadores salientan que “o Festival continuou apostando polo reforzo da programación do mércores e a programación do xoves, aumentada nesta edición para conseguir atraer a xente xa dende os primeiros días do Festival ata o centro do Porriño. Malia o tempo inestable do xoves, as numerosas actividades programadas encheron a Praza do Concello do Porriño e o Círculo Recreativo e Cultural”.

O Porriño agarda milleiros de persoas esta fin de semana na III Feira do Pan

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, Santos Héctor Díaz, deputado responsable de Promoción Turística da Deputación de Pontevedra, Marcelino Coto, concelleiro de Comercio, Juana Pérez, presidenta da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), o presidente da Asociación de Panadeiros  e a cociñeira Marta Rodal, pregoeira desta edición, resentaron este luns,  a III Feira do Pan do Porriño que este 2018 celébrase os días 1 e 2 de xuño, venres e sábado, na Praza de San Benito.

Marcelino Coto salientou que este 2018 a feira volve ao lugar no que empezara, logo de que a Praza do Cristo se quedara ‘estreita’ para acoller aos postos e, sobor de todo, aos visitantes que se achegan a miles ata o Porriño.

O programa desta edición abrague unha importante variedade de propostas, entre elas maridaxes, ‘show cooking’, convinación do pan con produtos da zona, obradoiros para nenas e nenos, música e, coma novidade, o 1º Certame ‘ Empanadas no Ring’, un concurso pensado para para coñecer cal é a mellor empanada das parroquias da vila- Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas, Porriño ou Torneiros-.

Os interesados e interesadas en participar neste concurso aínda poden inscribirse, de balde, ata o vindeiro mércores 30 de maio, mandando un correo ao enederezo electrónico  comunicacion@acipor.es. O mesmo debe conter o nome de 5 integrantes do equipo que se presenta e o teléfono do ‘capitán ou capitana’ do mesmo, para poder comunicarse coa organización.

O programa da Feira empezará o venres, día 1, ás 7 da tarde, coa apertura da mesma e a degustación, gratuita, de 200 racións de pan, xamón e cerveza artesán.

O sábado, día 2, os 15 postos da Feira,  formados por 8 panaderías- Argibay, Amaquía, O Forno de Mosende, Chinchina, Panadería Torneiros, Los Milagros, Erundina e O Progreso- e 7 de diferentes produtos, coma marmeladas, cervexas, embutidos, viño, licores, mesmo o famoso Requeixo de As Neves, abrirán ás 10 da mañá.

Ás 10 e media será  o momento da ‘Animación na rúa’, coa actuación da Charanga OT. A mesma dará paso, ao mediodía, ao pregón, que este ano será a cargo da cociñeira porriñesa Marta Rodal, que compaxina o seu posto de directora da Escola de Cociña ‘O Xogo da Ola’, co traballo no Restaurante Jorge Lorenzo. No mesmo tmén intervirán o concelleiro de Comercio, Marceino Coto, e a alcaldesa, Eva García de la Torre.

Ás 12:30 horas empezará o show cooking  ‘Maridaxes do Pan do Porriño con produtos artesáns’, a cargo das alumnas e alumnos da Escola EFA A Cancela.

Xa pola tarde, ás 5, empezará a xornada do ‘Mini Pan’ co obradoiro infantil no que as cativas e cativos aprenderán a facer pan; ás 7 da tarde coñeceranse as gañadoras e gañadores do Certame ‘Empanadas no Ring’ e ás 9 da noite será a clausura da edición da Feira do Pan deste ano.

Durante a presentación, Marcelino Coto lembrou que a achega económica do Concello á Feira do Pan e a meirande da adicada ás festas gastronómicas, e adiantou que o proceso para obter a Certificación de Calidade do Pan do Porriño está xa “na súa“fase final”.

Santos Héctor Díaz subliñou que o pando Porriño “ten unha historia que supera os 400 anos, escrita polas panaderías e panadeiros que fixeron do voso pan un dos sinais de identidade desta vila, da nosa provincia e patrimonio de todos nós”.

Pola súa banda, Marta Rodal, pregoeira deste ano, reivindicou a excelencia do Pan do Porriño e asegurou que “debería de estar coma nos restaurantes con estrelas Michelín” e amosou a súa satisfación porque esta edición se celebre en San Benito, “onde pasei a miña nenez”.

Rematou a presentación a alcaldesa, quen sinalou que “os porriñeses sempre temos sido coñecidos e distinguidos polo noso pan” e invitou a todo o mundo a achegarse ao Porriño para gozar da súa excelente calidade á que acompañarán os produtos cos que se ‘maridar’.

‘Matria’,grande gañadora do 15º @festivaldecans

‘Matria’ foi a grande gañadora da 15ª edición do Festival de Cans, que entregou este sábado, día 26 de maio os seus premio. A curtametraxe de Álvaro Gago fíxose con catro premios: Mellor curta de ficción, Premio do Público, Premio AISGE á mellor interpretación feminina para Francisca Iglesias e o Premio do Xurado dos veciños.

A curtametraxe relata un día na vida de Ramona, unha muller que se refuxia na relación coa súa filla e a súa neta ante o seu duro traballo nunha conserveira e lastrada pola falta de comunicación co seu marido. Álvaro Gago repite así éxito en Cans, onde gañou o premio ao mellor curto por ‘Curricán’, en 2015.

Entre o resto do palmarés destaca o nivel da sección de Animación, onde dúas das películas levaron premios nas categorías xerais: o premio AGAG a mellor guión (Luís Usón por ‘Afterwork’) e o da mellor banda sonora orixinal (Raúl Costafreda por ‘Sexa’). En todo caso, foi ‘O reloxo’, de Borja Santomé, a que se alzou co premio a Mellor curtametraxe animada.

Europa’, de Hugo Amoedo, abriu o palmarés de ‘FuraCans’, a nova categoría competitiva do Festival para filmes de non ficción, recoñecido por “a súa urxencia de contar, pola necesidade de filmar, pola súa liberdade narrativa e polo seu grao de reflexión formal sobre a linguaxe cinematográfica”.    Completan o palmarés as ‘Also Sisters’ (Premio CREA á mellor realización); Eloi Sánchez Palau (Premio á mellor interpretación masculina por ‘Despois da bandeira’) e dúas mencións especiais dos xurados, para ‘A cat in the window’, de Félix Brixel (en ficción) e ‘A muller invisible’, de Noemi Chantada.