As Festas do Cristo regresan este ano ao Porriño con máis dun cento de actividades para todos os públicos e gustos. Propostas deportivas, espectáculos, animación de rúa, monólogos, verbenas, concertos e moitas sorpresas conforman a programación que xa deu comezo esta fin de semana e que se prolongará ata o domingo 1 de outubro coa tradicional cita gastronómica dos callos, que este ano chega á súa trixésimo edición.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron hoxe o cartel das festas acompañados por unha representación da hostalería porriñesa e polos pregoeiros deste ano: o elenco de Teatro Fontevella.
“As nosas festas son unha seña de identidade, cultura e tradición e ninguén mellor que os actores e actrices de Fontevella para representar estes valores”, apuntou o alcalde, “Para O Porriño será unha verdadeira honra velos no balcón da Concello dando o pistoletazo de saída aos nosos días grandes”.
O rexedor quixo facer unha mención especial a Amparo Tellado, que a piques de cumprir os 94 anos será a encargada de dirixir o pregón. “Amparo é a actriz galega de maior idade e ten un talento que non deixa a ninguén indiferente”, engadiu Lorenzo, “Estou seguro que co seu pregón nos cautivará a todos como o fai cada vez que se sube ao escenario”.
Xunto a Amparo, estarán os seus compañeiros e compañeiras da compañía: Adriano, Balbina, Susana, José, Enrique, Daniel, Lola, Valentina, Andrés e Chelo Pampillón, a directora do grupo.
“É para nós unha honra ser os pregoeiros das Festas do Cristo”, manifestou Pampillón, “A ver se o balcón do Concello aguanta, porque ese día ten que soster os máis de 500 anos que sumamos de recordos, historia e moitas Festas do Cristo vividas”.
Cabe destacar que o pregón, á vez que recoñece a traxectoria deste grupo, será tamén unha celebración do aniversario xa que foi nas Festas do Cristo, hai xa 28 anos, cando subiron por primeira vez a un escenario con Castelao e a obra “Os vellos non deben namorarse”.
30 días festexando O Porriño
A programación arrancou xa na Vila do Louro e estenderase durante todo o mes de setembro. Como cada ano, a música e o deporte terán un papel protagonista, ao igual que as actividades infantís.
Panorama , El Combo Dominicano, Grupo América, Girls Gang, Os CoriBantes e moitos máis poñerán a banda sonora a estas festas, sen esquecernos do Louro Valley Festival, cuxo cartel será presentado nos vindeiros días, o Negrita Music Festival, que traerá ao Porriño a Melendi, Rels B e Cali & el Dandee, entre outros, e o Montando Cristo Festival, que reunirá a Buxa, Hard Trip Castro e Los Escoltas/ The Brooke.
Regresa tamén outro dos clásicos, o certame musical Tes Talento, e tamén o fai a Batalla de Galos. O deporte, da man dos clubs deportivos do municipio, xogará de novo un papel fundamental nestas festas.
O broche final, como cada ano, o poñerá a Festa dos Callos que chega xa á súa 30 edición e o fará por todo o alto.
“Agardo que estas Festas do Cristo sexan do agrado dos vecinos e veciñas e de todas aquelas persoas que queiran visitarnos”, concluíu o rexedor que quixo trasladar o seu “agradecemento á hostalería e comercio local, asociacións e clubs deportivos do Porriño que nos axudan a dar forma a estes días para que todos podamos disfrútalos xuntos e seguir facendo do noso pobo un lugar de referencia”.
O espectáculo “Maxia para soñar” do ilusionista Marco Pombo representarase no Porriño este sábado, 19 de agosto. Enmarcada no programa Cultura no Camiño 2023 da Xunta de Galicia, a función celebrarase no Centro Cultural Municipal ás 19.00 horas.
Trátase dun espectáculo para todos os públicos a través do cal o mago propón unha viaxe de soños envoltos nun misterio.
Marco Pombo é un ilusionista cunha ampla experiencia no mundo da animación e o espectáculo. Provén dunha familia cunha forte e enraizada tradición artística e desde moi novo demostrou moito interese nas artes escénicas, especialmente no teatro e o ilusionismo, pero foi nesta última onde realmente destacou. É membro da Sociedade Española de Ilusionismo (SEI). O seu obxectivo e proporcionar entretemento de alta calidade a través da maxia, o humor e a comunicación, sempre cunha constante participación do público, que entra así a formar parte do espectáculo.
A parroquia de Chenlo celebra o 6 de agosto a décimo terceira edición da súa Festa do Cabrito ao Espeto. Como cada primeiro domingo de agosto, o campo de fútbol en Chan da Carreira, acollerá esta festa gastronómica que grazas ao esforzo e á implicación dos veciños, logrou consolidarse como evento de referencia en toda a provincial.
Os verdadeiros cabritos, acompañados polo alcalde Alejandro Lorenzo, que é un deles, presentaron a nova edición que aspira a repetir o éxito das anteriores. A parroquia preparará preto de 100 cabritos con todo disposto para recibir a centos de comensais.
A festa arrancará ás 11 h coa degustación de pinchos , amenizada por un grupo de gaiteiros e unha charanga. Ás 13 h dará comezo a comida popular do Cabrito ao Espeto, na que todos poderán degustar este exquisito prato elaborado na súa forma máis tradicional. A nota musical da xornada correrá a cargo do grupo 3.COM e como cada ano levarase a cabo entre todos os asistentes o sorteo dun cabrito dos Cabreiros de Chenlo.
No tocante aos prezos, o cabrito enteiro terá un custe de 220 euros, medio cabrito 110 euros, a ración de churrasco será de 20euros e o pincho degustación de 5 euros. Este ano hai unha novidade, o Combo para parellas que costará 70 euros.
As reservas pódense facer físicamente ata o venres, 4 de agosto no restaurante Timarsane, no Café Bar Lourambal e na tenda de Natursueño Porriño. Tamén se pode se pode ata o 3 de agosto facendo unha unhta trasferencia na conta ES24 2100 9302 0051 3345 e enviando o comprobante de pago a cabritoespeto@chenlo.gal ou ao whatsapp 666979043 indicando número de persoas e teléfono de contacto. Para máis información podedes chamar aos números 647142782 ou 666979043.
“Para min esta festa é orgullo e identidade, ademais de significar a unión de toda unha parroquia que se xunta para pasar un día marabilloso xunto a todos os que nos visitan”, explicou o rexedor, animando a todas e todos “a visitarnos e gozar con nós da nosa gastronomía e da nosa xente”.
I Tractorada de Chenlo
Este ano a festa gastronómica terá como antesala un evento que arranca con ánimo de consolidarse tamén. Trátase da I Tractorada de Chenlo, que ofrecerá unha exhibición de tractores clásicos e novos a todo aquel que se achegue ao campo de fútbol o 5 de agosto. A partir das 17 h comezarán a ruxir os motores e comezará a festa, con premios, agasallos para os participantes e o chouripán para coller forzas.
Hoxe recibimos no Porriño á Mochila da Luz, unha mochila que percorre o Camiño Portugués desde Oporto cargada de luz e esperanza organiza ao longo do ano saídas desde Oporto a Santiago que, a raíz da pandemia, dedícanse especialmente ás vítimas do covid, aínda que nesa mochila peregrina cárganse de xeito simbólico recordos de moitas persoas que quedaron atrás.
A súa porteadora este ano foi a peregrina Mila Rodao, que esta tarde xunto aos peregrinos que a acompañan chegou á vila do Louro onde foi recibida polo alcalde, Alejandro Lorenzo, concelleiros do goberno municipal e os usuarios e usuarias da unidade de AFAGA no Porriño que tiñan preparado un regaliño para eles.
Trátase dunhas fermosas cunchiñas que pintaron para que acompañen a estes peregrinos durante o seu Camiño, unha das cales pendura xa da Mochila da Luz.
Aos pés do Concello os estaban agardando todos eles xunto aos gaiteiros, Yoli e Anxo, e todos xuntos botamos uns bailes.
BO CAMIÑO!
A vila do Louro acollerá os días 22, 23, 24 e 25 de xullo os xogos olímpicos do Porriño, Porrigalia. As festas que foron pospostas pola declaración de loito oficial na data na que estaban programadas, celebraranse nestes días para non pisar o resto de festas organizadas nas parroquias do municipio e poder cadrar axenda coas actividades que conformaban a programación. Así o acordou o Concello do Porriño en consenso coa hostalería local.
A festa, que mantén todas as actividades da súa programación, foi presentada hoxe polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o Rei Castrexo, Pepo Suevos e uns convidados de luxo, Asterix e Obelix, que viu da man de Tonhito de Poi. No acto presenteuse tamén o novo himno de Porrigalia creado e interpretado polo alumnado de Maison.
As actividades arrancarán o sábado 22 pola mañá. Ás 11h desenvolverase o showcooking e obradoiro infantil na Praza de Abastos e ás 12h dará comezo o Gran Desfile que culminará co destrone do alcalde polo duida Panorámix e o acendido da chama olímpica. Xa pola tarde animación, batucadas e djs nas rúas e a a competición olímpica a partir das 20 h, que será como estaba previsto na rúa Domingo Bueno. Xa pola noite concerto de Beatriz Martínez e Festa dj, na praza Arquitecto Antonio Palacios.
A programación continúa o domingo 23 ás 12h. Será cando a gran comitiva olímpica volva desfilar ata a praza do Concello onde o Rei Castrexo procederá á lectura do pregón. Pola tarde continúa a festa dende as 17 h e a celebración das probas olímpicas ás 19 h. O broche de ouro á xornada será musical a cargo de A Banda da Balbina, que actuará ás 22h, e Dasoul e América de Vigo, que actuarán a partir das 23 h.
O luns 24 seguimos de celebración. As actividades comezarán ás 17 h coa Porrigalia Kids na que arredor de 200 nenas e nenos demostrarán que son verdadeiros gladiadores. Ás 19h showcooking de Pan do Porriño seguido dos concertos de Generación M e os King Kids. A noite chega forte e arranca coa Gran Queimada na praza a partir das 22 h. De Seguido o pasarrúas de Troula co seu espectáculo Lume que será ás 23 h e ás 00h, na rúa Domingo Bueno, actuarán os Heredeiros da Crus. Ao rematar o concerto, sesión musical con dj María Lamuela, Freitas, Dj Moy, DJ Enter e Freitas.
O martes 25 poñemos o fin de festa con festa para os nenos e nenas a partir das 18 h, na que haberá pista americana, inchables e festa da espuma. Ás 21 h actuarán os Gin Tonic e pecha por todo o alto La Frontera, que actuará ás 23 h na rúa Domingo Bueno. Tras eles, Traffic House e Raper Vocal Live.
O Porriño celebra os días 10 e 11 de xullo unha das súas festas patronais: a Festa de San Benito.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado por concelleiros/as e veciñas/os do barrio, presentou hoxe a programación e animou a toda a veciñanza do Porriño e dos concellos da contorna a visitar a vila e “disfrutar xunto coa xente de San Benito destas festas tan nosas e con tanto arraigo”.
A programación arrancará o luns 10 de xullo, a partir das 22 h, coa verbena a cargo do grupo Distrito 7 e a Orquestra Miramar. A música continúa o martes 11 de xullo ao mediodía, da man da Agrupación Musical do Porriño e sigue a partir das 20h coa banda de gaitas Os Zoqueiros. Xa pola noite, o Grupo Assia e o Grupo América de Vigo poñen a guinda as festas.
Como é costume, as festas estarán marcadas tamén polos actos relixiosos, que culminan o martes ás 12h na Igrexa Maior Santa María do Porriño coa misa e posterior procesión, amenizada pola banda da Agrupación Musical do Porriño. Unha vez rematada celebrarase a tradicional subasta, desta vez en beneficio da AECC.
O deporte volverá ocupar este verán a praza Arquitecto Antonio Palacios. Co fin de promover a actividade física e dar unha alternativa de ocio saudable á veciñanza, profesionais cualificados impartirán clases de Zumba e Pilates para quen queira gozar do fresquiño da última hora dos días de verán facendo deporte.
Esta actividade forma parte da oferta de ocio do Concello e desenvolverase de forma gratuíta, aberta e sen necesidade de inscrición previa.
As clases de pilates impartiranse todos os mércores de xullo e agosto, de 21h a 22h, e as de zumba os martes e xoves, tamén de 21 a 22h.
Galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos tomarán un ano máis O Porriño para disputar os Xogos Olímpicos nos que cada verán se miden estas civilizacións.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros Bienvenio Estévez e Antía Carrera, e representantes do tecido asociativo e comercial da vila, presentou hoxe a programación desta edición de Porrigalia. Unha edición que aúna deporte, música, gastronomía, espectáculos para todos os públicos e moitas actividades infantís.
“Esta fin de semana agardámosvos a todas e todos no Porriño, aseguramos diversión e bos momentos”, apuntou o alcalde que aproveitou para agradecer a implicación “de hostaleiros, comerciantes, ANPAS… e en xeral de toda a veciñanza do Porriño sen os cales sería imposible organizar un evento desta magnitude”.
La Frontera, Herdeiros da Crus e Dasoul súmanse á festa
Porrigalia chega este ano cunha banda sonora de luxo, encabezada por Herdeiros da Crus, La Frontera e Dasoul.
Os concertos pecharán cada xornada, comezando pola do venres. A partir das 22:30 h na rúa Domingo Bueno actuarán os Herdeiros da Crus e a continuación DJ Traffic House e Raper Vocal Live.
O sábado os djs Pitty, Samu Pexe, Keva, Mus e Xian animarán cada recuncho e praza do Porriño a partir das 19 h e ás 19:30 h, na praza Arquitecto Antonio Palacios, actuará o grupo local Generación M, de seguido o fará Beatriz Martínez e ás 21:30 h, os Gin Tonic´s. Xa pola noite os concertos trasládanse á rúa Domingo Bueno, comezando La Frontera, seguido de Dasoul, María Lamuela Freitas, Dj Enter e Dj Moy.
O domingo, ás 19:30 h actuarán os King Kids na praza do Cristo e ás 21 h A Banda da Balbina na praza Arquitecto Antonio Palacios.
Ademais haberá charangas, batucadas e animación musical durante toda a fin de semana.
Porrigalia Kids, unha proba para auténticos gladiadores
Como non podía ser doutra forma as nenas e nenos estarán moi presentes na programación con actividades pensadas por e para que disfruten ao máximo de Porrigalia. Unha delas a Porrigalia Kids que se celebrará o sábado ás 13h na praza do Concello e no parque do Cristo. A versión olímpica da reputada Gladiator Kids chega ao Porriño para que as pequenas e pequenos demostren que poden ser auténticos gladiadores. As nenas e nenos de 3 a 10 anos disfrutarán dun percorrido de obstáculos adaptado á súa idade para que poidan pasar un rato divertido acompañados dos seus pais ou familiares. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse ata o día 6 se de xuño na seguinte ligazón: https://www.deporticket.com/web-evento/8491-porrigalia-kids .
Ademais, o sábado ás 11h celebrarase un showcooking e obradoiro infantil no Mercado de Abastos.
Xogos olímpicos
O gran desfile olímpico abrirá o venres ás 21h as olimpiadas. Unha gran comitiva levará a chama olímpica dende o templete de San Luis a ata o Concello, onde o Rei Castrexo interpretado por Pepo Suevos a recibirá e procederase ao acendido.
A comitiva, formada por ANPAS e asociacións locais, volverá desfilar o sábado ás 12 h e chegará á praza do Concello para dar paso ao pregón a cargo do Rei Castrexo. Apartir das 20 h na rúa Domingo Bueno comezarán as Olimpiadas. Os xogos continuarán o domingo pola mañá, ás 11 h.