Castrexos, galos, exipcios e romanos volven tomar O Porriño

Galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos tomarán un ano máis O Porriño para disputar os Xogos Olímpicos nos que cada verán se miden estas civilizacións.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros Bienvenio Estévez e Antía Carrera, e representantes do tecido asociativo e comercial da vila, presentou hoxe a programación desta edición de Porrigalia. Unha edición que aúna deporte, música, gastronomía, espectáculos para todos os públicos e moitas actividades infantís.

“Esta fin de semana agardámosvos a todas e todos no Porriño, aseguramos diversión e bos momentos”, apuntou o alcalde que aproveitou para agradecer a implicación “de hostaleiros, comerciantes, ANPAS… e en xeral de toda a veciñanza do Porriño sen os cales sería imposible organizar un evento desta magnitude”.

 

La Frontera, Herdeiros da Crus e Dasoul súmanse á festa

Porrigalia chega este ano cunha banda sonora de luxo, encabezada por Herdeiros da Crus, La Frontera e Dasoul.

Os concertos pecharán cada xornada, comezando pola do venres. A partir das 22:30 h na rúa Domingo Bueno actuarán os Herdeiros da Crus e a continuación DJ Traffic House e Raper Vocal Live.

O sábado os djs Pitty, Samu Pexe, Keva, Mus e Xian animarán cada recuncho e praza do Porriño a partir das 19 h e ás 19:30 h, na praza Arquitecto Antonio Palacios, actuará o grupo local Generación M, de seguido o fará Beatriz Martínez  e ás 21:30 h, os Gin Tonic´s. Xa pola noite os concertos trasládanse á rúa Domingo Bueno, comezando La Frontera, seguido de Dasoul, María Lamuela Freitas, Dj Enter e Dj Moy.

O domingo, ás 19:30 h actuarán os King Kids  na praza do Cristo e ás 21 h A Banda da Balbina na praza Arquitecto Antonio Palacios.

Ademais haberá charangas, batucadas e animación musical durante toda a fin de semana.

 

Porrigalia Kids, unha proba para auténticos gladiadores

Como non podía ser doutra forma as nenas e nenos estarán moi presentes na programación con actividades pensadas por e para que disfruten ao máximo de Porrigalia. Unha delas a Porrigalia Kids que se celebrará o sábado ás 13h na praza do Concello e no parque do Cristo. A versión olímpica da reputada Gladiator Kids chega ao Porriño para que as pequenas e pequenos demostren que poden ser auténticos gladiadores. As nenas e nenos de 3 a 10 anos disfrutarán dun percorrido de obstáculos adaptado á súa idade para que poidan pasar un rato divertido acompañados dos seus pais ou familiares. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse  ata o día 6 se de xuño na seguinte ligazón: https://www.deporticket.com/web-evento/8491-porrigalia-kids .

Ademais, o sábado ás 11h celebrarase un showcooking e obradoiro infantil no Mercado de Abastos.

 

Xogos olímpicos

O gran desfile olímpico abrirá o venres ás 21h as olimpiadas. Unha gran comitiva levará a chama olímpica dende o templete de San Luis a ata o Concello, onde o Rei Castrexo interpretado por Pepo Suevos a recibirá e procederase ao acendido.

A comitiva, formada por ANPAS e asociacións locais, volverá desfilar o sábado ás 12 h e chegará á praza do Concello para dar paso ao pregón a cargo do Rei Castrexo. Apartir das 20 h na rúa Domingo Bueno comezarán as Olimpiadas. Os xogos continuarán o domingo pola mañá, ás 11 h.

“Música, mocidade e ocio saudable”, Master Class a cargo de DJ Pitty

As concellerías de Cultura e Xuventude, que dirixen Bienvenido Estévez e Antonio Barros respectivamente, celebrarán o vindeiro 22 de xullo unha DJ master class a cargo do afamado DJ porriñés Luis Guisande, coñecido artísticamente como DJ Pitty, quen abordará a sesión baixo o lema “Música, mocidade e ocio saudable”.

O prazo de inscrición para participar nesta actividade gratuíta permanece aberto do 3 ao 14 de xullo. A folla de inscrición pódese descargar da páxina web do Concello ou recoller no Centro Cultural Municipal de luns a venres en horario de 9 a 14h.

Unha vez cuberta, poderase entregar de calquera dos seguintes xeitos:

  • De modo presencial, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de luns a venres, de 9 a 14 h.
  • De modo telemático, a través da Sede Electrónica do Concello do Porriño

A orde de entrega da solicitude será determinante na orde de inscrición.

A actividade, organizada pola OMIX do Concello do Porriño, segue a estela de programas destinados á poboación nova do municipio de entre 12 e 35 anos, que se veñen desenvolvendo ao longo do ano con actividades variadas. Os responsables municipais explicaron que dende o executivo local seguirán a apostar pola xuventude, ofrecéndolle alternativas de ocio e formación acordes aos seus gustos e necesidades, adaptándose sempre ao tempo no que vivimos.

Ser hábil, ter ganas de formarse e evolucionar constantemente son premisas fundamentais para poder garantir un lugar no mundo da música, e máis aínda no mundo disc-jóckey. Son as ideas que o recoñecido DJ Pitty, trata de transmitir a todo aquel que se interese por este ámbito.

Luis Guisande ensinaralles aos mozos e mozas o oficio de DJ a través dunha master class na que amosará, entre outras cousas, como elaborar unha sesión, dende a selección de cancións ata a realización dunha mestura. Este obradoiro combinará unha presentación teórica con exercicios prácticos, xunto coa experiencia do artista, para abrir as portas a toda aquela persoa que queira iniciarse no mundo DJ ou coñecer en profundidade os segredos que agocha.

DESCARGAR FORMULARIO INSCRICIÓN: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2023/06/FORMULARIO-INSCRICION.-MASTER-CLASS.-DJ-PITTY_SNL.pdf

Publicadas as bases para instalación de postos de venta, tómbolas, atraccións e casetas en Porrigalia 23

A concellería de Festexos do Concello do Porriño vén de publicar as bases que establecen os requisitos, pautas e condicionantes que se deberán cumprir para instalar postos de venda, tómbolas casetas ou atraccións nas festas de Porrigalia 2023 que se celebrarán os días 7, 8 e 9 de xullo.

Podedes descargar as bases e os formularios de solicitude na seguinte ligazón: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2023/06/Postos-de-venda-Porrigalia.pdf

Charlot Bennet convértese na primeira “Drag Queen do Porriño Orgulloso”

 
O Porriño celebrou onte o día do Porriño Orgulloso co seu primeiro certame de Drag Queen e o espectáculo de Drag Star, “Soy lo que soy”.
 
Nunha praza ateigada a porriñesa Charlot Bennet coronouse como Drag Queen do Porriño Orgulloso 2023 coa súa fantasía “Yea queso”, cunha alegoría no seu vestiario a un traxe de boda. Detrás de Charlot está Adrián Rodríguez que se impuxo pola súa presencia sobre o escenario, a súa valentía e a forza que transmitía o seu show.
 
O segundo premio foi para Electra-Tra (Samuel Fernández) coa súa fantasía “Y punch” e o terceiro para Ketty Pinn (Aitor Martínez) con “Prepárese que llegó la reina”. Os recoñecementos están dotado cun premio económico de 500 euros para a gañadora e 300 e 200 euros para a segunda e terceira clasificada.
En total foron seis as propostas que pisaron o escenario, con Kim Miller (Santiago Fernández), Marlen (Oliver Soto) e Conchita y sus almejas (Fátima Armada) completando a lista de participantes.
 
Unha vez rematado o certame deu comezo o espectáculo de Drag Star, “Soy lo que soy”. Unha vez máis, o porriñés David Bugarín puxo en pé a praza co show.
 
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo lanzar unha mensaxe de respecto e liberdade no día do Orgullo LGTBI+, “vivamos e amemos en liberdade e nunca, nunca, renunciemos a ser quen somos. Oxalá pronto non teñamos que seguir reivindicando algo tan esencial como o respecto”.

Publicadas as bases de funcionamento dos postos de venda para asociacións en Porrigalia

A concellería de Festexos do Concello do Porriño vén de publicar as bases que establecen os requisitos, pautas e condicionantes que se deberán cumprir para a instalación de postos de venda ou casetas en Porrigalia 23. Poderán optar aos postos de venda ou casetas as ANPAS dos centros educacionais do Porriño, as asociacións veciñais e culturais do municipio, asociacións deportivas do Porriño e asociacións protectoras de animais. 

BASES DE FUNCIONAMENTO DOS POSTOS DE VENDA OU CASETAS POLAS
ASOCIACIÓNS CULTURAIS E VECIÑAIS SEN ANIMO DE LUCRO, ANPAS E ASOCIACIÓNS
PROTECTORAS DE ANIMAIS

As nenas e nenos do Porriño dan o pistoletazo de saída a Porrigalia 23

O pavillón municipal acolleu a segunda edición de “Pre-Porrigalia”, un evento co que preto de 200 nenos e nenas de sete centros educativos do Porriño iniciaron a conta atrás para Porrigalia 2023, que este ano se celebrará os días 7, 8 e 9 de xullo.

Os pequenos e pequenas disfrutaron do espectáculo de animación A BAILAR, da compañía Animar-T, unha festa interactiva con cancións en directo, xogos, divertidos bailes, un monicreque xigante, maxia, grandes bonecos, explosións de confeti, batalla de globos xigantes e moitas máis actividades que fixeron as delicias dos cativos.

Desta maneira, deron o disparo de saída á troula das civilizacións que este ano anegará de novo o Porriño. O fixeron acompañados polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Educación e Cultura, Carolina González e Bienvenido Estévez, e os seus mestres. O rexedor convidou aos nenos e nenas a “disfrazarvos todos este ano e disfrutar a tope dunha festa da que sodes moi protagonistas e que está pensada por e para vós”.

Publicadas as bases para participar no desfile de comparsas de Porrigalia 2023

O Porriño quenta motores para celebrar unha nova edición de Porrigalia. A concellería de Festexos vén de publicar as bases para participar nos desfiles de comparsas que terán lugar o venres 7 e o sábado 8 de xullo.

Poderán participar todas aquelas ANPAS, asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos do municipio e a AECC que presenten comparsas integradas por un mínimo de 8 compoñentes e que acudan caracterizados dunha das civilizacións de Porriño: galos, romanos, castrexos, exipcios ou gregos.

Cada comparsa participante recibirá un premio de 300 euros, que se otorgará ata alcanzar o importe máximo establecido de 5.400 euros (por orde rigoroso de inscrición). Aquelas comparsas que desexen participar en Porrigalia fóra deste orzamento, poderán inscribirse pero sen opción ao premio por participación.

As bases están publicadas e poden consultarse na seguinte ligazón https://oporrino.org/documentos/bases-desfile-comparsas-porrigalia-2023/

Ana Abad de Larriva presentou “A nunca vista”, Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT

O Centro Cultural Municipal acolleu onte a presentación e coloquio arredor do libro “A nunca vista”, de Ana Abad de Larriva, texto gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, en 2022, publicado pola editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Foi un encontro e diálogo aberto entre as persoas asistentes onde se profundizou sobre a obra, que aborda o problema relacionado co peche familiar de persoas con diversidades ou fóra do canon estético social imposto. Unha temática moi conectada coa antropoloxía cultural galega e dun gran poder emocional.

A autora amosouse moi contenta de presentar o libro no Porriño. “Para min é como unha segunda casa”, explicou Ana que dende hai anos coordina o Club de Lectura da Biblioteca, “Aquí presentei o meu primeiro libro, A sombra das árbores, que resultou gañador do Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a editorial Galaxia, e por iso quería tamén presentar aquí esta obra”.

No acto, que presentou o alcalde, Alejandro Lorenzo, interviron tamén Roberto Pascual, director artístico da MIT e dramaturgo, e a porriñesa Irene Moreira, directora escena.

“Ana é unha persoa que vive no teatro e ama profundamente o teatro” destacou Pascual, incidindo en que “o teatro é o grande muro contra o odio, é cohexión e respecto á diversidade e as diferencias”. O director artístico da MIT de Ribadavia tivo tamén palabras para o Premio Vidal Bolaño. “Tedes no Porriño un certame teatral único en Galicia, adicado a un público que moitas veces está na marxe, a mocidade”, explicou.

Pola súa banda, Irene Moreira centrou a súa intervención na obra mesma e deu paso ao coloquio, explicando que “A Nunca vista está centrada nun feito real que non queremos ver moitas veces, pero seguro se da no noso entorno” e incidindo no necesario de abordar estas cuestións. Ademais, adiantou que están a plantexar xa a posta en escena do texto.

O rexedor, que tamén participou do coloquio, agradeceu a Ana que “elexira O Porriño para presentar tamén a súa obra, xa que é unha persoa moi apreciada na vila polo seu traballo de coordinadora do club de lectura, unha actividade de promoción da lectura que pensó que é das máis atractivas  e demandadas. E iso é grazas a Ana, porque cando alguén ama e sinte de verdade algo ten unha inmensa capacidade para trasmitilo aos demais”.

Sobre a autora

Ana Abad de Larriva é escritora e actriz, ademais de exercer nos últimos anos como coordinadora do club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño. Cultiva diferentes xéneros literarios e dedícase especialmente á dramaturxia e á poesía, ademais de crear as súas propias pezas escénicas. Ademais do Premio Abrente por “A nunca vista”, obtivo outros recoñecementos, como o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, ,convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, por “A sombra das árbores”, en 2019; o Premio de Microteatro da Memoria, da Deputación de Pontevedra e a ESAD de Galicia, por “Un biolo na noite”, en 2021; ou a bolsa de dramaturxia do Centro Dramático Galego por “Bailar no ceo”, en 2022.

O Porriño prepárase para celebrar un San Xoán seguro

O Porriño xa está preparado para celebrar a noite de San Xoán. O alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de emitir un bando municipal regulando as normas para a realización das tradicionais cacharelas e sardiñadas en espazos públicos.

En primeiro lugar, deberán realizarse en lugares despexados que disten un mínimo de 15 m ás edificacións e árbores. Ademais, o diámetro máximo da zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros.

En segundo lugar, os asistentes non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira.

Os materiais a empregar serán leñas, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira, xa que está prohibida a queima de neumáticos, plásticos e aceites, entre outros, en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.  Tamén quedan prohibidas as cacharelas baixo tendidos eléctricos, telefónicos, etc…

A fogueira deberá permanecer vixiada polos solicitantes ata a súa completa extinción.

As solicitudes para autorizar as cacharelas deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica antes das 23 h do día 16 de xuño.

 

Ana Abad de Larriva presenta “A nunca vista”, Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT

O Centro Cultural Municipal acolle mañá mércores, ás 19 h, a presentación e coloquio arredor do libro A nunca vista, de Ana Abad de Larriva, texto gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, en 2022, publicado pola editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.

No evento intervirán Roberto Pascual, director artístico da MIT e dramaturgo, e Irene Moreira, directora escena, xunto coa autora; nun encontro e diálogo aberto coas persoas asistentes.

Ana Abad de Larriva é escritora e actriz, ademais de exercer nos últimos anos como coordinadora do club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño.  Cultiva diferentes xéneros literarios e dedícase especialmente á dramaturxia e á poesía, ademais de crear as súas propias pezas escénicas. Ademais do Premio Abrente por A nunca vista, obtivo outros recoñecementos, como o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, ,convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, por A sombra das árbores, en 2019; o Premio de Microteatro da Memoria, da Deputación de Pontevedra e a ESAD de Galicia, por Un biolo na noite, en 2021; ou a bolsa de dramaturxia do Centro Dramático Galego por Bailar no ceo, en 2022.