O Concello do Porriño acordou doar 20.000 € para axudar á xente da illa canaria da Palma, afectada desde o pasado domingo 19 de setembro pola erupción volcánica.
Segundo o acordo plenario adoptado na sesión ordinaria celebrada na tarde de onte, a doazón realizarase con cargo a remanentes de tesourería e depositarase na conta corrente autorizada polo Cabido da Palma.
A proposta veu do PSOE, foi exposta pola portavoz municipal socialista, Lourdes Moure. Argumentou que o Concello do Porriño “cunha historia de solidariedade que sempre o definiu, non pode quedar atrás ante esta traxedia que teñen que afrontar tantas familias”.
A proposta foi aceptada e apoiada polo BNG, PP e UDDL. Só EU SON votou en contra, cualificando a iniciativa de “oportunista”.
A alcaldesa Eva García fixo un chamamento aos veciños e veciñas da área metropolitana de Vigo para que acudan o vindeiro domingo, 3 de outubro, a participar e gozar da Festa dos Callos en Porriño, que porá o broche final ás Festas do Cristo.
A Festa dos Callos, que chegará á súa 28a edición, está organizada pola asociación local de comerciantes (Acipor) e a asociación de hostaleiros (Ahospor).
Un evento gastronómico que combina dous produtos icónicos do Porriño: callos e pan, segundo argumentou a alcaldesa.
Este ano participarán 35 establecementos de hostalería da vila, o que en opinión do presidente de “Ahospor” mostra unha recuperación do sector “co que a pandemia non foi capaz”, dixo José Manuel Fernández.
Pola súa banda, Noelia Conde, xerente da asociación de comerciantes, agradeceu ao Concello do Porriño a súa colaboración e apoio e apelou a “celebrar estes eventos para recuperar a normalidade”.
Mentres que o concelleiro de Comercio, Sergio Casal destacou que o prezo da ración de callos, con pan e cazola incluídos, será de 7 euros, o que “é un prezo moi simbólico e barato polo que dan e polo traballo que lles dá”.
Na seguinte ligazón aparece a relación de establecementos participantes e outros datos de interese
A alcaldesa Eva García convidou a Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do goberno e ministra de Traballo a visitar Porriño. A invitación foi enviada hoxe martes por carta, xunto con dous libros sobre Porriño e o arquitecto Antonio Palacios nos que Yolanda Díaz amosara especial interese.
Eva García e a vicepresidenta coincidiran nunha cerimonia no Círculo de Belas Artes de Madrid, o pasado 10 de xuño, con motivo da presentación dun deses libros, “Trazar a mirada. Caderno de viaxe Antonio Palacios”, obra de Alvaro Bonet.
Na carta que Eva García enviou hoxe a Yolanda Díaz, lémbralle á vicepresidenta que lle pedira que lle fixera achegar en lingua galega tanto ese libro de Alvaro Bonet como o de Xosé Ramón Iglesias e Xosé Ramón Paz, “Antonio Palacios. Unha viaxe por Galicia” que recolle material inédito dos debuxos que o propio Palacios realizou no seu camiñar por Galicia e o goberno de Eva García rescatou.
A carta da alcaldesa remata reiterando a a invitación para que a vicepresidenta Yolanda Díaz visite esta vila “cando a túa axenda o permita e da miña man, poder coñecer o gran valor arquitectónico e artístico da obra de Palacios”.
Este mércores 22 convocáronse catro comisións informativas. Trátase das comisións municipais de Urbanismo; Limpeza; Economía, e de Contas, a celebrarse entre as 18:00 e as 19:00 horas.
Prepararán os asuntos do próximo pleno ordinario de setembro que terá lugar o día 29, ás 18:00 horas. Adxuntamos en “pdf” as convocatorias e as axendas das catro comisións.
– Balonmán Feminino: de 19:00 a 19:50 h. (Club Balonmano Porriño – Club Balonmano Porriño)
– Patín sobre rodas: de 19:20 a 19:30 h. (Club Patín Porriño)
– Homenaxe: ás 20:00 h. coa presenza da familia de José Antonio, a Alcaldesa de O Porriño, o Concelleiro de Deportes, concelleiros da Corporación Municipal, presidentes/as dos clubs deportivos e compañeiros.
– Baloncesto Liga EBA: de 20:30 a 22:00 h. (Porriño Baloncesto Base – Club Baloncesto Chantada)
– Ximnasia rítmica: de 21:00 a 21:10 h. (Club Ximnasia Porriño)
Como consecuencia das obras de hidro-limpeza nas fachadas da casa consistorial, dende hoxe e ata o venres 17 permanece pechado o acceso principal ao Concello. Así, o acceso ao Concello faise pola entrada lateral da rúa Antonio Palacios.
Os traballos de limpeza do edificio municipal, a cargo da empresa Naturgalia, encargados polo departamento de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure, retomáronse esta semana.
Segundo a previsión da compañía, a tarefa de limpeza concluirá esta semana e eliminarase o valado de seguridade. Nas semanas seguintes continuarán cos traballos de reparación do tellado do edificio.
A corporación municipal celebrará este mércores 15, a partir das 12:00 horas, un pleno de carácter extraordinario con 9 puntos na orde do día. Entre os asuntos a tratar, destaca a resolución definitiva do concurso para a adxudicación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos domésticos e similares, así como a xestión do "Punto Limpo", a favor da entidade "Servizos dos Concellos Galegos SLU".
No "pdf" adxunto, engadimos a orde do día da sesión plenaria.
Para esta tarde convocáronse tres comisións municipais que informarán de diversos asuntos que poderían estar na orde do día do pleno extraordinario que se celebrará pasadomañá mércores 15.
Os órganos convocados son a Comisión Especial de Contas; a Comisión de Economía e, finalmente, a Comisión de Limpeza e Medio Ambiente.
Achegamos a orde do día das tres comisións nas seguintes ligazóns.
As Festas do Cristo, os festexos principais do Porriño, comezan esta noite coa celebración da carreira ciclista “A Nocturna” e a partir do sábado e o domingo coa feira de oportunidades “Merca na rúa”. E concluirán o domingo, 3 de outubro, coa celebración da XXVIII Festa dos Callos na que este ano participarán preto de trinta establecementos de hostalería, cun prezo de 7 euros por ración que inclúe o pan e a cazola de recordo.
Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas, que hoxe fixo a presentación oficial do programa, afirmou que “necesitamos festas, con serenidade, e socialización, dentro dos límites dos protocolos sanitarios”. Moreira dixo que neste segundo ano de celebración en pandemia, coa experiencia adquirida, “todas e todos necesitamos vivir unha normalidade, particularmente que os nenos tamén vexan esa normalidade”, engadiu.
En canto ao programa, a concelleira destacou a celebración de numerosos eventos ao aire libre, ata en seis lugares diferentes. Serán a Praza do Concello, o Parque do Cristo, San Sebastián, o auditorio ao aire libre do Centro Cultural Municipal, a carpa instalada na explanada de Roxy e, finalmente, o aparcadoiro do velódromo municipal que albergará unha sesión de auto-cine coa proxección das curtas finalistas no último Festival de Cans.
Entre as actuacións musicais que están programadas, Cami Moreira destacou a presenza o domingo 26, do grupo de cantareiras “As Tanxugueiras”, de máxima relevancia por ser as que lideran coa súa canción “Figa”, os votos dos seguidores a representar España no Festival de Eurovisión 2022.
Entre as novidades do programa, Cami Moreira destacou o “Trivium Porriño”, un xogo de “trivial” sobre o municipio que poñerá a proba o coñecemento sobre Porriño das parellas que participen nas sucesivas eliminacións que comezarán o domingo 19.
Finalmente, a concelleira anunciou que haberá uns pregoeiros moi especiais: Antonio Palacios e Corona Gónzalez, encarnados polos actores que interpretan a ambos personaxes nas visitas guiadas dedicadas ao arquitecto porriñés durante este ano 2021. O acto do pregón será o sábado 25, ás 13 horas, no que suporá o inicio da Semana Grande das Festas que inclúe o festivo local do luns 27 e que rematará o domingo 3 de outubro, “O Recristo”.