O pleno municipal de investidura será sen público polos protocolos Covid


Sergio Quintas Casal, terceiro tenente de alcalde, comunicou esta tarde aos grupos municipais da corporación que o pleno de elección e toma de posesión da persoa que exercerá como alcaldesa ou alcalde do Porriño, terá lugar sen público. Só se permitirá o acceso ao salón de plenos aos profesionais dos medios informativos que acrediten estar vacinados con certificado Covid e provistos de máscaras.

A sesión terá lugar este xoves, a partir das 18,00 horas e retransmitirase por streaming na mediateca municipal, a través da páxina web do Concello (http://mediateca-oporrino.seneca.tv/activity)
A decisión tomouse ante o risco de aglomeracións no salón de plenos e a partir dos datos epidemiolóxicos que actualmente presenta Porriño. Con datos ata a data, 280 contaxios en 14 días e unha taxa de incidencia de 1.411, segundo o Sergas.

Sergio Quintas Casal xa informou aos voceiros de todos os grupos municipais, como presidente do pleno de mañá. Esta circunstancia débese a que tanto Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde como Lourdes Moure, segunda tenente de alcalde, serán candidatos á alcaldía e, polo tanto, non deberían presidir a sesión, que correrá a cargo de Sergio Quintas Casal, como terceiro tenente de alcalde.

O pleno municipal para elección de nova alcaldesa ou alcalde, será este xoves 23, ás 18,00 horas

O Concello do Porriño informa que o pleno de elección e toma de posesión da nova alcaldesa ou alcalde, terá lugar este xoves, a partir das 18.00 horas.


A sesión retransmitirase por streaming a través da mediateca municipal, existente nesta mesma páxina web, na seguinte ligazón

http://mediateca-oporrino.seneca.tv/library/lives/1


Engadimos documento “pdf” coa orde do día da sesión

DECRETO 2021-3070 [Decreto da convocatoria]

 

“Porriño escapa das clásicas San Silvestres coa Carreira Nocturna de Reis”, reivindicou o concelleiro de Deportes na presentación

A Carreira Nocturna de Reis que celebrará O Porriño o vindeiro 8 de xaneiro “é un concepto novo, fuximos das clásicas San Silvestres que se solapan a finais de ano e apostamos por unha proba orixinal”, dixo hoxe David Alonso, concelleiro de Deportes na presentación do evento.

Xunto ao concelleiro responsable, compareceron o alcalde accidental do Porriño, Pedro Pereira e o triatleta Gustavo Rodríguez, medalla de prata xunto a Héctor Catalá nos Xogos Parolímpicos de Toquio,  quen interveu como padriño da presentación.

Alonso Bargiela explicou as características do percorrido de 3 quilómetros, que parte da rúa Antonio Palacios, á altura do Instituto “Pino Manso” e remata en pendente fronte ao Pavillón Municipal de Deportes.

A partir de mañá mércores ábrese o prazo de inscrición, que se pode realizar “online” na páxina web www.carreirasgalegas.com, baixo o patrocinio da Federación Galega de Atletismo e coa colaboración do Club Atletismo Porriño.

O concelleiro de Deportes anunciou que todos os participantes deberán presentar, como requisito indispensable, o pasaporte de vacinación contra o Covid ou a proba negativa.

Gustavo Rodríguez agradeceu a súa elección como “cabeza visible deste evento” e expresou o seu desexo de que “as lesións evolucionen e permitan vir ao Porriño e facer algunha rodaxe ese 8 de xaneiro e gozar do ambiente da carreira que de seguro será un éxito”, afirmou o triatleta tudense, vinculado ao Porriño.

O alcalde accidental, Pedro Pereira considerou un éxito a decisión de David Alonso de trasladar a carreira a xaneiro e agradeceu a asistencia de Gustavo Rodríguez á presentación “porque é un reclamo para fomentar a participación tanto de afeccionados como de profesionais”.

Pereira Fernández desexou prometeu que a evolución da actual sexta onda da pandemia non nos impide poder celebrala. “Estamos nunha situación sanitaria complicada e se houbese un aumento das restricións decidiríamos atrasar a data da celebración”, indicou o alcalde accidental.

 

 

O Porriño compra parcelas no Paseo do Louro para a nova zona verde

A Concellería de Urbanismo e Patrimonio, dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, informa da sinatura en notaría das escrituras de compra de varias parcelas situadas na contorna do río Louro. Até o momento formalizouse o pago de fincas que suman unha superficie de 8.105.80 m2. Esta semana asinaranse novas escrituras coas que xa hai acordo de compra. En total a nova zona verde para uso público sumará un total de 20.285´55 m2. O importe da compra ascende a 364.131´01 €

Pedro Pereira, actual alcalde en funcións, agradeceu en nome do Concello do Porriño a boa predisposición das anteriores propietarias que desde o primeiro momento ao ser contactadas mostraron a súa colaboración para que o Concello conte con este espazo de desfrute para veciños e veciñas do Porriño.

“Hai que apostar por abrir o entorno do río ás persoas. A contorna do Louro é o pulmón verde que o centro urbano precisa e esta compra é un primeiro paso necesario para transformar este espazo”, apuntou Pedro Pereira.

O alcalde en funcións afirmou que a recuperación integral do lugar non será completa “mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual e o tren siga a cruzar polo medio a vila do Porriño.  O concelleiro de Infraestruturas chamou a “traballar desde a institución municipal para acadar  un soterramento ambicioso da vía e negociar un traslado do matadoiro, dous obxectivos cruciais para o futuro do Porriño”, concluíu.

Entrega de diplomas do Plan Municipal de Formación 2021 para persoas desempregadas

Pedro Pereira, alcalde accidental, e David Alonso, concelleiro de Emprego, entregaron hoxe, no Multiusos de Torneiros, 69 diplomas aos participantes que realizaron os cursos do plan municipal de formación de persoas desempregadas que o Concello do Porriño realizou neste ano. 2021.

 

En total, realizáronse seis cursos de formación para: manipuladores de alimentos; estacións de servizo; persoal de almacén; limpeza industrial; busca activa de emprego e electromecánica básica.

Todos estes cursos de formación, organizados pola Concellería de Emprego, foron financiados con fondos da Deputación de Pontevedra.

Precisamente esta semana, a Concellería de Emprego difundiu que o paro descendeu en Porriño en preto dun milleiro de persoas na última década segundo reflicten as estatísticas oficiais. O concelleiro Alonso vencellou esa dinámica positiva co “esforzo que está a realizar o Concello de Porriño cos programas de formación como o que rematou esta semana en Porremprego”.

 

Última hora: desprazase para o xoves 16, ao mediodía, o pleno extraordinario que se debía celebrar esta tarde

 
Pedro Pereira, alcalde accidental, comunicou que o pleno extraordinario da corporación municipal que se ía celebrar esta tarde ás 18.00 horas trasladase para este xoves ao mediodía.
 
Por iso, a sesión terá lugar o xoves 16, ás 12.00 horas. E con carácter previo, 15 minutos, a reunión preceptiva da comisión informativa municipal.
 
Lembramos que se trata de discutir e aprobar definitivamente, se é o caso, unha modificación orzamentaria dun suplemento de crédito.
 
Adxuntamos documento en “pdf” coa nova convocatoria.
 

Convocado outro pleno municipal extraordinario

Este mércores 15, ás 18,00 horas, celebrarase unha sesión plenaria extraordinaria da corporación municipal cun único punto na orde do día. 

Trátase de debater e aprobar definitivamente, se procede, unha modificación orzamentaria para un suplemento de crédito. Quince minutos antes do pleno, terá lugar a preceptiva comisión municipal informativa. 

Adxuntamos documento “pdf” coa convocatoria.

Comunicación da convocatoria (2)

Este xoves 9, o pleno municipal tomará coñecemento da renuncia de Eva García

Este xoves 9, a partir das 18 horas, a corporación municipal celebrará un pleno extraordinario. O primeiro punto da orde do día é o coñecemento da dimisión da alcaldesa presentada por Eva García de la Torre, segundo anunciou publicamente en rolda de prensa o pasado 23 de novembro.
Ademais, a orde do día da sesión inclúe oito puntos máis.
Adxuntamos un documento en “pdf” coa orde do día.

20211202_Comunicación_Comunicación da convocatoria (1)

Eva Garcia anunciou en roda de prensa a súa renuncia como Alcaldesa que xa é efectiva

Eva Garcia de la Torre anunciou este mediodía a súa renuncia á alcaldía de Porriño. A dimisión xa é oficial e efectiva tras ser presentada diante do Rexistro Xeral do Concello, ás 12:52 horas, unha vez concluída a comparecencia de Eva Garcia, ante un nutrido grupo de xornalistas dos medios galegos.

A partires deste intre, Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde, pasa a ser alcalde en funcións.

A renuncia de Eva Garcia á alcaldía deberá ser validada polo pleno da corporación municipal, que deberá reunirse nun prazo máximo de dez días hábiles. E posteriormente deberá convocarse outro pleno municipal para a elección e toma de posesión dun novo alcalde ou alcaldesa, para o que tamén existe un prazo de 10 días hábiles, segundo a lexislación vixente.

A comparecencia de Eva Garcia pódese seguir na mediateca municipal, nesta mesma páxina web.

O venres 19, o pleno infantil do Porriño

Un ano máis, o Concello do Porriño, para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da
Infancia, celebrará un Pleno Infantil, coa participación de nenas, nenos e adolescentes do
municipio.
O Pleno celebrarase o venres 19 de novembro, ás 10:30h da mañá no salón de sesións do Concello, onde acudirán unha voceira e un voceiro de cada centro de ensino do municipio, en representación de todas as nenas, nenos e adolescentes. En total participarán os dez centros do municipio; sete colexios, dous institutos e a asociación ACEESCA.
A temática deste ano, seguindo as indicacións do Comite de Unicef Galicia, será o medio ambiente. As persoas participantes xunto coas compañeiras e compañeiros do seu centro, están debatindo, reflexionando e preparando as propostas que presentarán no pleno para que o Concello do Porriño sexa máis sostible e sexa quen de axeitarse mellor aos impactos do cambio climático.

Previamente, este martes dous nenos porriñeses, Carla Godoy Magalhaes e Nicolás Freiría Casal representaron ao Consello Municipal da Infancia e Adolescencia local no Parlamento de Galicia. Participaron no Foro de Participación Infantil e Adolescente. Este encontro, organizado polo Parlamento autonómico e o Comité de Unicef Galicia, celebrase anualmente para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia.