Inspección das obras realizadas nas rúas Progreso e Bos Aires

A alcaldesa do Porriño e a presidenta do Consorcio de Augas do Louro inspecciona as obras realizadas nas rúa Progreso e Bos Aires para a renovación de 400 metros da rede de abastecemento e mellora do firme

Coma salientou o xerente do Consorcio, Rufino Rodríguez, esta obra fíxose en coordinación coa Axencia Galega de Infraestruturas e contou cun orzamento duns 45.000.

Os traballos consistiron na retirada das canalizacións de fibrocemento, que nalgúns puntos presentaban crebaduras, o cal causaba fugas, e se substituíron por conducións de fundición-de 90 milímetros de diámetro-, na rúa Progreso e por outras de polietileno-de 200 milímetros de diámetro-, na Avenida de Bos Aires.

Eva García de la Torre subliñou que con esta obra, que se aproveitou para o cambio da capa de rodaxe, “o pavimento das dúas rúas”, garántese o subministro evitando avarías e, tamén, ter que estar levantando o firme cada vez que aparece unha filtración ou se produce o rompemento dun tubaxe.

 

A alcaldesa, nova integrante da Peña Celtista Os Zoqueiros do Porriño

A alcaldesa, nova integrante da Peña Celtista Os Zoqueiros do Porriño

Javier Bastos, presidente da Peña Celtista Os Zoqueiros, do Porriño, entregou este martes á Eva García de la Torre o carné que a acredita coma integrante desta peña.

Durante a pasada celebración do Décimo Aniversario de Os Zoqueiros, a alcaldesa amosara o seu desexo de entrar na peña, desexo que é unha realidade dende hoxe.

A alcaldesa comprométese coa Asociación de Veciños de Cans

A alcaldesa comprométese coa Asociación de Veciños de Cans a acometer distintas melloras na parroquia e presentoulles unha idea para cubrir o Torreiro e humanizar a contorna

A alcaldesa, acompañada da concelleira de Emprego e Igualdade mantivo unha xuntanza con membros da Asociación de Veciños de Cans para coñecer ás súas necesidades e transmitirlles o seu compromiso persoal e do do Goberno local para acometer as melloras que precisa a parroquia.

Eva García de la Torre presentoulles unha idea para cubrir o Torreiro, de xeito que poida usarse durante moitos máis días ao ano, unha obra que é posible acometer en pouco tempo.

Ademais, sinalou que no marco dese traballo se adiantará en conquerir un entorno máis habitábel e se rematarán as accións de saneamento que precisa Cans.

Os representantes da Asociación de Veciños expuxéronlle a rexedora unha lista de necesidades, parte das cales abordará xa o Concello, coma o arranxo das ‘marquesiñas’ e a colocación dunha nova na zona da gasolineira- para o transporte escolar-; achegar a rede wi-fi, formar ás persoas máis vellas nas novas tecnoloxías- o Goberno local disporá a realización dun curso destinado a exclusivamente a elas- e a humanización de parte da parroquia.

Así mesmo, os veciños amosaron á alcaldesa a súa satisfacción pola mellora da limpeza e, especialmente, polo remate do rozado de camiños e pistas, que era unha reclamación que se lle fixera ao Concello.

Presentación da “Asociación Deportiva Avanza – Concello do Porriño”

40 rapazas e rapaces, de entre 4 e 18 anos, integran o Avanza-Concello do Porriño, noco club de ciclismo que terá coma principal patrocinador ao Concello do Porriño

A alcaldesa, Eva García de la Torre e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, presidiron este venres, na Praza de Antonio Palacios, a presentación da ‘Asociación Deportiva Avanza-Concello do Porriño’ de Ciclismo, que, coma sinalou Manuel Carrera, “recupera, logo de moitos anos, una escola de ciclismo para O Porriño”.

A nova asociación, que terá coma principal patrocinador-entre os once que colaboran coa mesma- ao Concello do Porriño, está integrada por máis de 40 rapazas e rapaces de entre 4 e 18 anos de idade, que estarán formadas e formados por dous estupendos adestradores e excelentes deportistas, Luis Fernández Oliveira e Abel Maceira.

O presidente de Avanza-Concello do Porriño, Miguel Ángel García, subliñou que a finalidade é, en primeiro lugar que “as nenas e nenos gocen co ciclismo e que aprendan os valores que este deporte vailles transmite e que serán unha base esencial da súa formación coma persoas”.

Así mesmo, García indicou que estas es estes pequenas e pequenos deportistas, competirán en cadetes, infantís, alevíns, principiantes e promesas, en probas coma o Campionato de Galicia en Ruta, rallye ou Mini BTT, empezando o vindeiro día 28 de maio, no Velódromo do Porriño, nunha proba de Mini BTT organizada polo propio Avanza-Concello do Porriño.

O concelleiro de Deportes, e o ciclista máis salientable da historia do Porriño, Manuel Carrera amosouse emocionado e “moi orgulloso” polo feito de que este equipo empece con “tanta forza e tantos azos”.

Carrera, dirixíndose ás cativas e cativos, sinalou que “empezades un traballo que os marcará para sempre: se algún de vós chega a ser ciclista profesional será unha alegría, pero o máis importante é que aprenderedes valores coma o compañeirismo, a solidariedade, a deportividade, a amizade ou o traballo en equipo”.

O concelleiro lembrou que outro grande equipo do Porriño, o Spol, formou durante medio século a infinidade de deportistas, “coma moitos de nós, que chegamos a participar na Volta a España ou no Tour de Francia, e estou encantado e feliz de que volvamos a ter unha escola de ciclismo que permita ter grandes corredores de novo. Hoxe é un día moi importante para o noso deporte, para o deporte do Porriño”.

Pechou o acto a alcaldesa quen se dirixiu de xeito especial ás corredoras do Avanza- Concello do Porriño ás que cualificou de “pioneiras” ao tempo que amosou o orgullo que os porriñeses teñen polos seus deportistas, e felicitou a todos os integrantes do club “parabéns pola vosa ilusión, é algo moi importante porque é algo que da o deporte, algo que fai que os deportistas se enfronten á vida dun xeito distinto e especial”.

Día Internacional do Pobo Xitano

Eva García de la Torre participa nos actos de celebración do ‘Día Internacional do Pobo Xitano’ e pon a O Porriño de exemplo de convivencia plena, dende hai décadas, entre paios e xitanos

A alcaldesa, acompañada polas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, e Igualdade, Soledad Girón, participou este venres no CEIP da Ribeira, en Torneiros, na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, que se celebra en todo o mundo o 8 de abril.

Este día lembra o Primeiro Congreso Mundial Romaní-Xitano que tivo lugar en Londres el 8 de abril de 1971 e no que se instituíu a bandeira e o himno xitano.

A bandeira é verde e azul-simbolizando o ceo e o campo- cunha roda de carro, vermella, no centro, que representa o camiño dende a India cara a liberdade. O himno xitano, ‘Gelem, gelem’ (Andive, andive), foi composto polo autor Jarko Jovanovic en homenaxe ás xitanas e xitanos asasinados polo nazismo.

A finalidade desta data, como subliñou Eva García de la Torre, ten que ser facer que sexa verdade o fin dos prexuízos existentes cara a poboación xitana, coñecendo a súa realidade para chegar a unha convivencia plena.

A alcaldesa, que gozou dos actos organizados no CEIP da Ribeira, sumándose aos bailes e actividades programadas, puxo ao Porriño coma exemplo desa convivencia en harmonía entre paios e xitanos “unha convivencia que é algo natural dende hai décadas e da que podemos presumir, da que estamos satisfeitos e da que debemos estar moi orgullosos”.

Eva García de la Torre sinalou coma unha clara realidade deste feito o CEIP da Ribeira onde “a tradición e os costumes xitanos se incorporan á formación de todas as alumnas e alumnos do centro”, como se pode ver na participación neste acto e na exposición aberta sobre a historia e o patrimonio cultural do pobo xitano.

 
 
 

A alcaldesa da o primeiro paso para licitar as comunicacións do Concello

A alcaldesa da o primeiro paso para licitar as comunicacións do Concello e “pasar de ter o servidor nun váter a dispoñer duns sistema que resposte ás necesidades das veciñas e veciños do Porriño”

Eva García de la Torre mantivo unha xuntanza con responsábeis de distintas áreas do eido das telecomunicacións coma primeiro paso de cara a sacar a licitación as comunicacións do Concello, tanto de sistemas informáticos, datos e voz.

Neste momento o Concello, sinala Eva García de la Torre, “carece dunha infraestrutura informática fiable que se adapte as necesidades das novas redes de comunicación”, por iso, de xeito paralelo a mellora do portal web municipal, que permitirá implantar servizos coma a Administración Dixital, tanto co propio Concello coma con organismos coma o Consorcio de Augas do Louro, “necesitamos crear unha ‘autoestrada’ que permita que estes servizos poidan ser prestados de xeito sólido,seguro e inmediato e sen agardas para as veciñas e veciños”.

Ese horizonte tecnolóxico, subliña a alcaldesa “deberá axustarse ás novidades e aos adiantos que se impoñan”, da aí esta xuntanza con estes especialistas que, logo de rematar un estudo sobre das necesidades que ten a administración local, fixeron unha formulación para “poñer ao Concello do Porriño no século XXI”.

A licitación ten coma finalidade “dotarnos de fibra óptica, dispoñer dunha banda, dun caudal que permita a transmisión e recepción de datos con axilidade, de cara a acabar cos trámites físicos, e funcionar coas todas ferramentas ofimáticas necesarias en un entorno de traballo seguro, sen que haxa filtracións ou fugas de información”.

O obxectivo final é ter un sistema moderno, seguro e rápido que facilite ás xestións ás porriñesas e porriñeses, o cal suporá unha “licitación complexa e cun custo considerable pero que deixará postas as bases do que serán as bases tecnolóxicas da Administración Municipal durante os vindeiros 15 anos”.

A alcaldesa subliña que con esta iniciativa vaise pasar de “ter o servidor encima dun váter a dispor una infraestrutura acorde cos tempos actuais, ás necesidades dos veciños e ás exixencias da administración dixital”.

 
 

“Mapa” específico de accesibilidade

O Porriño dispón, grazas a un proxecto das alumnas e alumnos do IES Pino Manso, dun ‘Mapa’ específico de accesibilidade en toda a vila que pode consultarse dende o ordenador, a tablet ou o teléfono móbil

Un traballo realizado polas alumnas e alumnos do IES Pino Manso, baixo a coordinación do especialista Rafael Ávila, que foi estudante deste centro, ven de poñer a O Porriño á cabeza, a nivel internacional, en información on line sobre a accesibilidade en cadeira de rodas a lugares públicos e privados.

Coma resultado da realización deste labor foi posible a elaboración da “Cartografía dixital colaborativa con OpenStreetMap (OSM)”, que abrangue un estudo polo miúdo do estado do acceso para persoas con diversidade funcional, de cada establecemento público e privado do Porriño- bares, restaurantes, edificios, parques ou tendas-.

A elaboración deste ‘mapa OSM, permite saber cantos chanzos ou andares ten un local, o ancho das portas, o estado das entradas aos servizos, a existencia de ramplas ou se dispón ou non de corredores. Os devanditos datos, figuran na web wheelmap.org que pode consultar calquera persoa dende o seu ordenador, tableta ou teléfono móbil.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, acompañada pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, asistiu á presentación da web, que correu a cargo do director do Pino Manso, Juan Aguilar, e que é un dos actos máis importantes dos que se están a levar adiante este curso no que o centro cumpre medio século de vida.

García de la Torre subliña a dobre importancia deste proxecto, “dunha beira o feito de dar educación, en letras maiúsculas, do que sofren as persoas que se ven marxinadas por mor da súa mobilidade e, doutra, polo feito de que esta tecnoloxía pon as rapazas e rapaces co que é xa a realidade da economía colaborativa, da que este traballo, con OpenStreetMap é un estupendo exemplo”.

A xuízo da alcaldesa esta experiencia contribuirá, así mesmo á mellora do routeiro da vila, no que xa se están a planificar todas as obras tendo coma prioridade a mellora da mobilidade, “un eido no que aínda temos moito traballo por facer e que procuraremos ir completando para que O Porriño sexa accesíbel a todas e todos os seus veciñas e veciños”.

Entrega de diplomas dos obradoiros de formación en albanelería e limpeza de montes

20 persoas con especial dificultade para atopar emprego rematan dous obradoiross de formación en albanelería e limpeza de montes, impulsados polo Concello do Porriño e a Xunta

A alcaldesa do Porriño presidiu este luns a entrega de diplomas aos 20 participantes en sendos obradoiros impulsados polo Concello e pola Concellería de Industria, Economía e Emprego que tiñan coma principal obxectivo a formación dos participantes en albanelería e limpeza de montes.

Coma lembrou Eva García de la Torre, os obradoiros tiveron unha duración de 6 meses e no ánimo da Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, e no da Consellería de Industria, Economía e Emprego estaba “aumentar ao máximo as posibilidades de entrada ou regreso ao mundo laboral dos participantes nos mesmos”.

No mesmo acto, no que estiveron presentes o xefe territorial da Consellería de Economía Emprego e Industria, e Yolanda Lesmes, secretaria territorial da mesma consellería, este última subliñou a importancia da cooperación entre administracións, neste caso o Concello do Porriño e o Goberno de Galicia, “de cara a axudar a persoas con especial dificultade para reintegrarse ou acceder ao mundo laboral”.

Lesmes adiantou que a Xunta xa convocou a realización de novos obradoiros de emprego que “terán unha duración total de 9 meses, 3 máis que na actualidade” coa finalidade de mellorar a formación e, ao tempo, as probabilidades de que os seus participantes atopen traballo.

Neste caso concreto, os participantes no obradoiro levaron a cabo a reforma da Escola Unitaria de Covelo, en Atios, que estaba nun avanzado estado de abandono, realizando obras de recuperación e acantoamento da mesma, retirando os elementos que non foi posible recuperar e reformando o inmoble para conquerir o seu aproveitamento para uso e gozo dos veciños da parroquia.

Os traballos que quedan pendentes serán rematados pola Concellería de Vías e Obras e a intención es que os mesmos estean a cargo dos integrantes dun novo obradoiro, que abranguería, neste caso, formación tamén en xardinería, para o establecemento dunha zona de lecer ao aire libre e mesmo un parque biosaudábel.

Polo que se refire ás e os participantes no obradoiro forestal, realizaron unha importantísima labor de mellora da contorna das Gándaras de Budiño, un dos enclaves máis visitados do Porriño.

Lucy’s Tire, establecese no Porriño

Lucy’s Tire, que ven de establecer no Porriño o seu centro principal para España, amosa o seu interese no Plan de Formacion Laboral do Concello, durante a visita á mesma da alcaldesa e do concelleiro de Industria

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Industria, Marcelino Coto, visitaron a firma Lucy´s Tire, que terá no Porriño a súa planta principal en España.

Lucy’s Tire, é unha empresa comercializadora de neumáticos, establecida nos Estados Unidos en 1985 que no ano 2000, logo de chegar a liderar a exportación do sector ao Centro e Sur de América e o Caribe, abre sete filiais no estado de Florida dando servizo, anualmente, a máis de 25.000 transportistas, converténdose nunha referencia nesta industria.

Os propietarios desta multinacional, José Ríos, natural de Galicia, e Lucy García Rios, de país galegos, deciden hai 4 anos abrir unha delegación en Galicia, concretamente en Pontevedra, fundando Lucy’Tire España, dirixida por Jeronimo Rios.

Logo de integrarse no mercado europeo, a empresa ven de dar un novo paso e investir no seu propio centro de servizo de Automóbiles e Camións no Porriño e, dende aquí, levar os seus produtos a toda a Península Ibérica.

A alcaldesa transmitiu ao presidente de Lucy’s Tire a súa satisfacción polo feito de que decidise radicar a central para España no Porriño, amosoulle a total colaboración do Concello e expúxolle os plans formativos, “orientados á creación de emprego”, impulsados dende o Goberno local e que veñen de cristalizar en diferentes acordos con empresas de varios sectores, plans nos que os responsábeis de Lucy’s Tire amosáronse interesados en canto facilitan a formación profesional de futuros empregados, baseados nas necesidades das diferentes empresas da área do Porriño.

Pola súa banda, o concelleiro de Industria sinalou que dende o Concello se fixera “todo o traballo” para que esta nova empresa se establecese no Porriño. Marcelino Coto subliñou que “axilizar e facilitar todos os trámites para que as empresas que queiran investir na vila e radicarse nela, é unha prioridade para o Goberno local” dado que supón máis riqueza, máis desenrolo e máis traballo, “obxectivos que son xa unha norma que este Goberno se ten marcado”.