A Corporación do Porriño apoia ás nais e pais do CPI da Ribeira e rexeita, de novo, o peche das aulas da ESO do centro

Varios membros da Corporación Local, entre eles a alcaldesa, Eva García de la Torre, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, e o voceiro de EU Son, Pedro Ocampo apoiaron, de novo, a reivindicación das nais e país do Centro Público de  Integración (CPI) da Ribeira para que non se pechen as aulas de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO), do mesmo.

Os membros da ANPA concentráronse na Praza de Antonio Palacios e, logo, estiveron no Pleno do Concello onde as representantes das ANPA tiveron a oportunidade de intervir e pedir, unha vez máis, ao Goberno de Galicia que non siga adiante con esta medida.

A Corporación do Porriño aprobara na súa reunión anterior unha moción na que se rexeitaba este peche, ademáis dun ataque á Educación pública, gratuíta e de calidade, suporá unha merma para o único centro público de integración do Porriño, no que o 35% dos seus alumnos son de etnia xitana.

Colocados os primeiros paneis que explican os elementos culturais, arqueolóxico, históricos e naturais do Porriño

O concelleiro de Urbanismo, Marcelino Coto, supervisou a colocación dos primeiros paneis explicativos que xa están diante de varios dos elementos culturais máis importantes do Porriño.

Os sinais- de 85×100 cms- que foron sufragados con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra, están situados diante do Pazo de Pontellas, da Igrexa de Santa Baía de Atios, do Xacemento Paleolítico de As Gándaras de Budiño, no ‘Templete’ de Palacios e na Ruta dos Muiños do Castro.

As persoas que os consulten poderán atopar nos mesmos-en galego e castelán- unha pequena explicación sobre as características, antigüidade, importancia cultural e patrimonial e historia de cada un dos lugares que sinalizan.

A intención do Concello, como subliña Marcelino Coto, “é seguir con este programa e optar a unha nova subvención convocada para este fin”. O concelleiro de Urbanismo indica que “este Goberno quere facelo mesmo con todos os elementos patrimoniais do Porriño, tanto para salientar a súa importancia histórica e cultural, coma para darlle pulo ao seu interese dende o punto de vista turístico”.

Xa podes inscribirte para participar en Porrigalia 2017

As persoas interesadas en participar en Porrigalia 2017, que se celebra no Porriño, organizada polo Concello, os días 21,22 e 23 de xullo, xa poden entrar no portal web porrigalia.gal e inscribirse dentro dos ‘Gremios’ que  estarán presentes na festa; integrar as Comparsas que desfilarán na mesma ou solicitar un dos postos que se abrirán nela.

En porrigalia.gal atoparán a ‘Folla de incrición de Gremios’ e as bases tanto de Participación de Comparsas como de Funcionamento dos Postos.

A alcaldesa e a concelleira de Educación inauguran, xunto co autor e estudantes do Porriño, a poesía visual ‘Azabache’

A alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Educación, Lourdes Moure, asistiu este venres á inauguración do poema visual ‘Azabache’, do poeta e dramaturgo vigués David Fernández, poema que está xa na fachada da Piscina Municipal.

Os protagonistas foron as rapazas e rapaces de 5º e 6º de Primaria de todos os centros educativos do Porriño, cos que David Farnández levou adiante o seu Proxecto Caligrama 2000, unha iniciativa que ten coma obxectivo achegar a poesía visual aos máis pequenos.

“Dentro das múltiples e infinitas interpretacións da obra, ‘Azabache’ é, en síntese, unha reivindicación da infancia, a mocidade e, especialmente da nosa esencia ou autenticidade, un valor que contrasta totalmente coa superficialidade dunha parte importante da nosa sociedade”, subliñou o artista.

O Concello solicita a UNED a apertura dunha aula no Porriño

O Pleno do Concello do Porriño aprobou solicitar ao Centro Asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Pontevedra que permita a apertura dun aula da universidade na vila.

Hai que lembrar que o pasado 16 de marzo a alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, de Emprego, Soledad Girón, a voceira do Grupo Municipal de Non Adscriitos, Sabela Landín, e o presidente dos empresarios do Polígono de A Granxa, Indalecio Cuevas, mantivera unha entrevista coa directora da UNED de Pontevedra, Beatriz Rodríguez, para tentar de traer a O Porriño a devandita aula que, inicialmente, impartiría o Curso de Acceso á Universidade para maiores de 25 anos pero que, nun futuro próximo, en colaboración co Concello e os empresarios dos polígonos industriais, tendo en conta as necesidades de cualificación profesional dos mesmos, iríase ampliando a outras materias, con prácticas en empresas.

“A nosa prioridade é, dende que iniciamos este mandato, a xeración de emprego e o mellor xeito de facelo, como amosa a baixada das cifras do paro, é voltar a ollada aos polígonos industriais que temos no Porriño e que empregan a milleiros de persoas”, subliña a alcaldesa.

Con esa intención, “e entendendo que a existencia dunha aula da UNED non debe de ser iniciativa dun so grupo político, senón que toda a Corporación amose o seu compromiso de xeito que o mesmo se manteña, goberne quen goberne , presentamos esta iniciativa”.

Eva García de la Torre lembra que é “imprescindible” poder ofrecer aos cidadáns “unha formación de calidade, que atenda as necesidades das empresas e que facilite que as porriñesas e porriñeses accedan á formación universitaria sen ter que desprazarse a Pontevedra, Tui ou Vigo”.

Con este obxectivo, apenas 12 horas despois de que o Pleno aprobase que se solicite a instalación da aula da UNED, a propia alcaldesa, xunto coa concelleira de Educación, e o concelleiro de Urbanismo, Industria e Comercio, estivo visitando e considerando posibles localizacións para esta aula, localizacións que deben cumprir, característica principal a de poder medrar a medida que o faga o número de materias que se poidan estudar na mesma.

A II Feira do Pan do Porriño, os días 2 e 3 de xuño

A II Feira do Pan do Porriño, este venres, día 2, e o sábado, 3 de xuño

A alcaldesa, Eva García de la Torre, o concelleiro de Cmercio, Marcelino Coto, a xerente da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), Noelia Conde, e representantes das panederías porriñesas, presentaron este luns a II Feira do Pan do Porriño, que se celebrará o venres 2 de o sábado 3 de xuño.

O venres, día 2, especialistas falarán de temas coma o emprendemento, o pan coma elemento de saúde, as fariñas tradicionais ou a formación no sector, para logo pechar esta xornada inaugural cun video que baixo o título “Panadeiros do Porriño: paixon e tradición”, quere rendir homenaxe a labor destes artesáns.

Esta xornada será tamén o intre no que se presentará públicamente a etiqueta “Pan do Porriño”, que nas vindeiras semáns, aparecerá no pan certificado das panaderías participantes no Consello Regulador do Pan do Porriño.

O sábado será o día grande da Feira. Dende as 10 da mañá, os postos estarán abertos na praza do Cristo; ás 11 un pasarúas da banda de Música de Valladares rematará cun concerto na mesma praza onde interpretarán o “Pasodoble Porriño” do compositor Rogelio Groba, e de seguido, o pregón da festa ao que seguirá o Show Cooking de maridaxe de productos con pan do Porriño, que esta ano correrá a cargo de alumnos da escola EFA A Cancela de As Neves.

A tarde terá como protagonistas aos máis pequenos coa celebración do IIª Mini Pan, un obradoiro de pan gratuito para nenos e nenas que este ano se realiza co apoio da empresa Muiño de Cuiña, unha das empresas que produce unha das mellores fariñas “páis” de Galicia.

A feira contará tamén con actividades para nenos e por primeira vez cunha zona de Food Trucks, neste caso, coa presenza de “A Pulponeta”. As marcas convidadas para maridar co pan, nesta ano son : Bodegas Eidosela, Mermeladas Carabuñas, Xamón de Castaña de Coren, Embutidos e Queixos Distapor, Conservas de Peixe Espada de Orpagu, Lamprea de Obrador de Lamprea, Requesón e Mel de As Neves, Mel de Api Roma e Cervexas Artesanais “A Curuxa”. Para os visitantes, habilitaranse mesas para poder xantar na propia feira.