En apenas 30 días, Camilo Cancela, aos seus 53 anos e traballando desde os 16, preparouse a ESO nas instalacións da UNED no Porriño e aprobou o pasado 7 de maio. Foi un esforzo conxunto de profesores e alumno, que traballaron tanto os contidos educativos, como técnicas de estudio e de exame.

O que non se pode pretender é que sen esforzo haxa resultado

Camilo Cancela

Camilo é un traballador acérrimo, que percorre Europa en viaxes de traballo, pero aínda así, veía que non podía avanzar, que necesitaba a ESO para moitas ofertas laborais ou incluso formacións nas que se require esta titulación. Camilo ten unha FP Básica en Electrónica e Telecomunicacións que, nada máis rematar, fíxolle atopar traballo do seu e non continuou formándose. Agora, con 53 anos, coincidindo que tiña 30 días dispoñibles xusto 5 semanas antes do exame, inscribiuse no curso “para tomar contacto e ver como sería sacalo”, pero co tesón de ter “30 días e teño que poñer ata o último alento”. Camilo confesa que “había materias que me costaban máis, como matemáticas ou física, pero pensaba que si superaba a parte científica o resto o sacaba”. E así foi. Practicou facendo exámenes de anos anteriores que atopou en internet, porque “hai preguntas trampa”. Estudou ata o día do exame, “non durmín nada, ata as oito da mañá que marchei, e seguín repasando entre exámenes”.

Eu animo aos meus alumnos que non se queden ahí, que segan formándose facendo ciclos medios e superiores

Mar Pumarega Cereijo

Mar Pumarega Cereijo, profesora do ámbito científico-tecnolóxico da ESO na UNED, viu desde o primeiro intre a capacidade de Camilo e o seu esforzo. Así que o apoiou xunto cos outros alumnos. Ademais das vías habituais de comunicación, Mar formou un grupo de WhatsApp onde enviaba contido, exercicios e resolvía dúbidas. Mar recoñece que “non é fácil aprobar a ESO por libre. Esforzámonos por ambas partes e ao final obtuvemos o fruto”. “Eu”, prosegue, “animo aos meus alumnos a que non se queden ahí, que segan formándose facendo ciclos medios e superiores”. E esa é precisamente a intención de Camilo que xa preguntou para seguir formándose e na empresa na que traballa lle teñen que deixar acudir aos exames se avisa coa antelación estipulada. Agora está nunha “inercia positiva que hai que aproveitar. Non vou deixar parar esta roda, vou seguir estudando! A tope!”

Ás veces precisamos dun empuxón, máis que dunha palmadiña nas costas

Camilo Cancela

Ambos os dous, Camilo e Mar, coinciden en que esto é froito dun traballo en equipo. É preciso que o teu círculo cercano te comprenda e apoie. “O que non podes pretender é que sen esforzo haxa resultado”, salienta Camilo. “Ás veces, precisamos dun empuxón, máis que dunha palmadiña nas costas”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o director da UNED de Pontevedra, Víctor M. González, acompañados polos profesores que deron clase a Camilo recibírono onte para entregarlle un obsequio do Concello en recoñecemento “ao esforzo e capacidade de superación de Camilo”. O rexedor animouno a “non deixar que esa inercia positiva da que fala pare nunca e siga marcándose metas e cruzandoas con éxito”.