As últimas análise realizadas por el Consorcio de Augas do Louro na prolongación da Rede Municipal de Abastecemento rematada hai unhas semanas no Contrasto, sinalan, de novo, que a auga é apta para o consumo.
Estas analíticas- realizadas entre os días 8 e 21 de xaneiro- eran necesarias para que os máis de 300 veciñas e veciños que viven neste barrio, no que apareceran refugallos de lindano, puidesen conectar as súas vivendas á Rede Municipal de Abastecemento.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, lembra que o Concello “asumiu, na súa totalidade e sen achega algunha da Xunta”, a extensión da Rede Municipal de Abastecemento a este barrio de Torneiros. Así mesmo, con cargo ao orzamento municipal, fixéronse acometidas a 83 casas.
O vindeiro luns, día 4 de febreiro, ás 8 da tarde, no local social da Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros, a alcaldesa manterá unha xuntanza coas veciñas e veciños do Contrasto e Pereira para explicarlles polo miúdo os pasos a dar para enganchar as súas vivendas á Rede Municipal de Abastecemento. Eva García de la Torre indica que “en tanto non se completen os enganches, o Concello seguirá garantindo o subministro de auga para beber, cociñar e para aseo a todas as persoas que viven neste barrio, como fixemos ata agora”.
Agardando pola Xunta
A alcaldesa, logo de que o Concello do Porriño cumprise co compromiso que ela, persoalmente, adquirira cos veciños do Contrasto, “seguindo sempre as indicacións dos responsábeis de Sanidade e de Medio Ambiente da Administración Autonómica”, agarda que, “por fin”, a Xunta de Galicia asuma as súas obrigas.
García de la Torre salienta que as competencias en materia de medio ambiente, de xestión de residuos e en materia de salubridade “son exclusivas da Xunta”. Neste senso “o Goberno de Galicia ten que afrontar o problema da existencia de lindano soterrado en varios lugares do Porriño” e, insiste, “debe facelo cun plan que estea cuantificado e orzamentado e que teña coma obxectivo sinalar, en primeiro lugar, os barrios e parroquias que poden estar afectadas e, en base a elo, poñer en marcha unha resposta efectiva para acabar coa contaminación e acabar co risco para a saúde dos porriñeses”.
Máis dun ano sen novas
A alcaldesa subliña que xa pasou preto dun ano e medio dende que a Xunta comprometérase a ter un proxecto de descontaminación para O Contrasto, “estaba previsto telo en 2017, logo para Semana Santa, despois para o verán e xa estamos en 2019 e non temos novas do Goberno de Galicia”.