Os tenistas do Club Tenis Porriño e todos aqueles que fagan uso das pistas municipais de tenis dispoñerán de vestiarios totalmente equipados. Ata o de agora, os usuarios e usarías destas instalacións carecían dun lugar apropiado para cambiarse e asearse tras a práctica deportiva e con esta actuación non terán que desprazarse ao polideportivo municipal como viñan facendo.
Para acometer estas obras, cuxo importe ascende a 48.389,49 euros, o Concello do Porriño asinou un convenio de cooperación coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. En virtude do mesmo, o ente autonómico aportará preto de 40.000 euros e o restante o asumirá o Concello con fondos propios.
“As instalacións contarán con dous vestiarios principais para xogadoras e xogadores, así como cun almacén”, explicou o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, “Ambos vestiarios contarán cun aseo adaptado independente. Para iso, acondicionarase un local do semisótano dunhas instalacións colindantes ás pistas”.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “se trata dunha obra moi necesaria que vén sendo reclamada polos usuarios e usuarias das pistas de tenis dende hai anos. Son moitos os deportistas que fan uso destas instalacións e a falta de vestiarios suponía un problema para eles”. O rexedor concluíu incidindo en que “o mantemento e acondicionamento das nosas instalacións deportivas é algo que está destacado na axenda deste goberno dende o inicio” reafirmando a súa aposta polo deporte no municipio “con atención a todas as modalidades non só ás maioritarias. O respaldo á práctica deportiva abrangue todas as disciplinas, tantas como os porriñeses e porriñesas practiquen ou desexen practicar”.