Os alumnos e alumnas do IES Pino Manso recibirán este luns –ás 11 e media da mañá- o ‘Premio de Cooperativismo’ do Goberno de Galicia, pola realización dun mapa dixital de accesibilidade en cadeira de rodas a establecementos da contorna empregando as novas tecnoloxías.
O galardón, que vai acompañado dunha dotación económica de 1.000 €, forma parte da modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida aos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial de Galicia.
Este concurso ten por obxecto potenciar e propiciar valores e principios que inspiran o cooperativismo como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.
Tras a entrega do galardón os estudantes poderán desfrutar da compañía teatral ‘Xarope Tulú’, que representará a súa obra ‘Cardume’, un espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo, no que o público participa converténdose en ocasións en protagonista.