O Boletín Oficial do Estado publica este venres a orde ministerial pola que as saídas para paseos e deportes non teñen que realizarse dentro dunhas franxas horarias concretas naqueles concellos ou núcleos de poboación que non superen os 10.000 habitantes. Esta dispensa da que viñan beneficiándose os veciños de Torneiros, Atios, Pontellas, Mosende, Budiño, Chenlo, Cans e Carracido (dende o pasado 8 de maio), beneficia agora tamén ao centro da vila que ten unha poboación de 9.075 habitantes.
Deste xeito, a orde ministerial faculta que todos os porriñeses non teñan limitacións por franxas horarias para a súa mobilidade, paseos e para facer deporte aficionado. Tamén resolvese que os cativos poidan saír acompañados de toda a unidade familiar nos seus paseos, non só dun adulto como ata de agora.
Outro dato moi importante para a economía local: na orde, dise que se poderá proceder á reapertura ao público dos establecementos de hostalaría e restauración para consumo no interior do local, salvo discotecas e bares de ocio nocturno. Aínda que os establecementos deberán observar as limitacións de aforo actualmente existentes.