O vindeiro mércores, día 24 de xaneiro, ás 5 da tarde, a alcaldesa do Porriño comparecerá, a petición propia, nun Pleno no que dará resposta, polo miúdo, ás novas publicadas, nalgúns medios de comunicación, sobre a suposta contratación irregular de servizos municipais.
Eva García de la Torre, que pediu presentarse de xeito voluntario, entende que “é diante das veciñas e veciños do Porriño e da súa Corporación Municipal onde teño que dar estas explicacións para tranquilizar ás porriñesas e porriñeses e deixar claro que non hai trama algunha para saltarse a lei”.
A alcaldesa exporá os seus argumentos e someterase ás preguntas da oposición, “porque entendo que é o correcto e porque as miñas veciñas e veciños e os membros da Corporación merecen esas explicacións e quero adiantarme a darllas de xeito exhaustivo”.
García de la Torre subliña que, “ata o día de hoxe, maila o publicado por algún medio que semella ter máis información da que teño eu”, non se lle citou a declarar coma investigada e “non se me comunicou a apertura de dilixencia algunha contra min”.
A alcaldesa subliña que ante a aparición deste tipo de novas, “a Fiscalía fai o que debe de facer: investigar” e, “como fixen sempre, e así seguirá sendo, estou á completa, total e enteira disposición das autoridades administrativas ou da orde xurisdicional”.