Porriño foi a cuarta parada do proxecto cultural “Camiño a dentro/ O teu Xacobeo”, unha acción promocional que desenvolven Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia. Porriño acolleu hoxe unha das dez accións artísticas que se planificaron en distintos concellos polos que pasan o Camiño Portugués e o Camiño pola Costa.
A alcaldesa do Porriño, Eva García recibiu a Carmela Silva, presidenta da Deputación e a deputada provincial Victoria Alonso e a Anxo Lourenzo, director xeral de Políticas Culturais, en representación da Xunta de Galicia que asistiron á actividade celebrada a mediodía na praza do Concello. Tratouse do conxunto de percusión “Dúas”. É unha agrupación formada polas percusionistas galegas Marta Rodríguez Figueiredo e Sabela Caridade García.
Nos discursos, previos á actuación musical, Anxo Lourenzo enmarcou esta iniciativa “no eido das accións de promoción do Camiño cara ó Xacobeo 21 que queremos realizar coa antelación debida, en colaboración con outras institucións públicas e entidades privadas”, dixo o director xeral de Políticas Culturais.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación manifestou que “Camiño A Dentro é unha aposta por demostrar que O Camiño son moitas cousas: desde espiritualidade, relacions humanas, tradición, historia, patrimonio e sobre todo o Camiño é cultura”.
Por último, Eva García agradeceu a chegada desta iniciativa porque “nos ofrece unha oportunidade para que Porriño sexa máis coñecido e que valoren o noso patrimonio e a nosa xente e os que veñan de paso, volvan e se queden” rematou a alcaldesa do Porriño.
“Camiño a Dentro” ten como obxectivo poñer en valor o Camiño desde unha perspectiva cultural contemporánea, recoñecer o labor das mulleres artistas e propiciar a interacción entre a veciñanza de cada concello e os peregrinos.
O Camiño Portugués tense consolidado como a segunda ruta xacobea máis transitada de cantas conducen a Santiago de Compostela, con máis de 67.800 peregrinos en 2018 e en aumento constante.
O Camiño pola Costa que cruza todo o litoral desde A Guarda deica Redondela tamén rexistra un progresivo incremento que acadao 13.618 peregrinos no 2018.