O Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade continúa a mesma liña de actuación que en anos pasados, e “para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños”, organiza, de novo, o ‘Campamento de Nadal’, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra.
O prazo de inscrición para o mesmo quedou aberto este luns, día 27 de novembro, e non pechará ata o 15 de decembro.
A concelleira de Igualdade, Soledad Girón, lembra que poden participar neste campamento as rapazas e rapaces residentes no Porriño que teñan entre 5 e 12 anos-os dous inclusive– e que as persoas que precisen máis información poden dirixirse ao Centro de Información á Muller, no 3º andar do Concello, ou chamar ao número de teléfono 986 337429.