O goberno municipal confía en que a corporación aprobe no próximo pleno municipal que se celebrará na última semana do mes, as bases do plan de axuda económica directa aos sectores máis afectados pola pandemia.

“Temos que comunicar que todos os grupos políticos expresaron o seu acordo con esta convocatoria de axudas á hostalería, empresas, autónomos e outras actividades que estaban pechadas total ou parcialmente”, dixo David Alonso, concelleiro de Promoción Económica en relación ao debate celebrado na reunión de portavoces municipais celebrada na tarde de onte.

“Agardamos as achegas que os grupos municipais poidan facer nos próximos días e confiamos en que este plan de axudas dotado con 140.000 euros sexa aprobado no pleno deste mes que celebraremos en breve”, engadiu Alonso Bargiela.

 O concelleiro de Promoción Económica que presentou a proposta na xunta de portavoces, sinalou que entre as liñas de axuda, “Porriño incorpora como novidade o que chamamos” liña 4 “que permitirá destinar a subvención municipal para sufragar os gastos de compra de mercadoría relacionada coa reapertura da actividade económica “, declarou.

As outras tres liñas que aparecen nas bases da convocatoria son para gastos de aluguer e gastos xerais (dende o 1 de xaneiro deste ano); gastos relacionados á implantación do comercio on-line; e para amortizar gastos correntes do cumprimento da normativa sanitaria anti-Covid.

A proposta presentada polo goberno municipal porriñés contempla unha contía destinada a esta liña de subvencións cun importe total de 140.000 euros.

Cóntase coa axuda da Deputación Provincial que autoriza a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 euros, aportando o Concello dos recursos propios a cantidade de 82.138,98 euros ata acadar a cifra total na presente convocatoria de 140.000 euros o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.

O límite por beneficiario establécese na cantidade de 1.500 euros para aqueles sectores que sufriron o peche total e 1200 euros para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.

Este programa de axudas económicas directas, caso de acadar a súa aprobación no próximo pleno da corporación municipal, publicarase no BOPPO, e de seguido, abriríase o prazo para presentar as solicitudes.