A OMIX do Concello do Porriño organiza o vindeiro 25 e 26 de febreiro do 2019 en horario ininterrompido de 11 da mañá a 8 da tarde, a actividade ‘QUEROeco’ –Cultura Urbana co Medio Ambiente- enmarcada dentro do programa de actividades de apoio,  para a posta  en marcha do Plan de Infancia e Adolescencia do Porriño.

Nesta actividade participarán  ao redor de 80 alumnos   dos centros de educación secundaria do noso concello que cursan ensinanzas de FP, Bacharelato e último curso da ESO.

Dita actividade terá lugar en diferentes puntos de Galicia (en 7 Concellos) en contornas rurais e urbanas.Para a realización de dita actividade no Porriño, utilizáranse como  mural  un lateral do Pavillón  do CEIP Fernández López.

‘QUEROeco’, é unha experiencia innovadora que pretende achegar á xuventude, diferentes mensaxes positivas sobre o coidado do medio ambiente, propoñendo alternativas de lecer respectuosas co medio natural (Cultura Urbana), baixo unha metodoloxía que promove prácticas inclusivas e responsables para a ocupación do tempo de lecer.

Neste proxecto se levará  a cabo a elaboración dun Mural Artístico Ecolóxico Colectivo (utilizando pintura foto-catalítica antipolución) de 12 m2 con temática ecolóxica. Esta actividade permite que mozas e mozos de 12 ou máis anos, dos centros de ensino do Porriño,  poidan colaborar na realización dunha parte do mural.

Ademais farase a gravación dun documental do proxecto con imaxes do proceso de realización do mural, a súa preparación, entrevista ao artista e aos promotores do proxecto , aos veciños e participantes.

Por último haberá un portal web, ao que poderase acceder escaneando un código QR que estará pintado sobre o mural. Na web vaise pendurar o documental do proxecto, fotografías e información sobre a iniciativa e sobre como funciona a pintura antipolución.

Obxectivos

O primeiro deles é o de implantar actividades alternativas (Cultura Urbana) dirixidas á xuventude en novos espazos para aproveitar os recursos e infraestruturas existentes. Aplicación da metodoloxía das 3 “R” (re-utilizar, reducir e reciclar).

En segundo lugar, alimentar a capacidade artístico-experesiva innata da mocidade a través da súa participación activa nas actividades programadas.

Finalmente, crear ambientes inclusivos que faciliten a expresión creativa individual e colectiva, dando a coñecer proxectos de ocio que promovan a responsabilidade no coidado do medio natural.