A Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia continúa achegando os seus servizos de apoio ás persoas retornadas a través da súa Oficina Móbil de Atención ás Persoas Emigrantes Retornadas. Na oficina da área de Vigo xa recibiron asesoramento 5.000 familias atendidas dende 2020. Estes servizos confírmanse como unha ferramenta esencial para facilitar o retorno e a integración dos galegos que deciden regresar á súa terra.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o alcalde de O Porriño, Alejandro Alonso, visitaron esta mañá a oficina móbil no Porriño acompañados pola concelleira de Emigración, Vanessa Ucha, reafirmando o compromiso da Xunta de Galicia con ofrecer un apoio integral e personalizado ás familias retornadas, independentemente da súa localización xeográfica. Esta iniciativa está cofinanciada polo Fondo Social Europeo.
Entre os servizos que se ofrece a través da Oficina Móbil atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as diferentes axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, educación, Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas. Ademais, incluese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. Por último, ofrece información sobre vivenda e educación, asistindo ás familias retornadas nas opcións de vivenda dispoñibles e nos recursos educativos para fillos.
Dende o inicio do programa, a oficina móbil percorreu os concellos de Galicia, facilitando o acceso a servizos esenciais para aqueles retornados que residen en zonas rurais ou periurbanas. Esta proximidade asegura que todos os galegos e galegas que volven á súa terra teñan a oportunidade de recibir asesoramento e acompañamento para unha reintegración exitosa.
A visita ao Porriño reforza o compromiso da Xunta de Galicia coa poboación retornada, contribuíndo ao crecemento económico, social e demográfico do país, e fortalecendo os lazos entre Galicia e a súa diáspora.