Durante todo o curso a peza teatral ‘Cousas’, baseada na coñecida obra do médico, debuxante, pintor, político e escritor Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, será representada, na adaptación proposta por ‘Os Quinquilláns Teatro’, en máis de 40 localidades de toda Galicia.

Esta cifra aumenta día a día ao sumárense novos lugares que queren levar a montaxe aos centros de ensino e, así, achegarlle ao alumnado dunha maneira diferente a lectura desta obra de referencia. Os Quinquilláns xa percorreron Galicia o curso pasado coa peza O espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, que viron case 20.000 rapaces e rapazas de toda Galicia.

No caso de O Porriño, o vindeiro mércores, día 25, as alumnas e alumnos de galego dos institutos da vila, poden disfrutar desta montaxe, ao mediodía, na representación que se vai facer no Centro Recreativo e Cultural.

Nesta proposta teatral inténtase ser fiel ao mesmo espírito co que Castelao creou as cousas, eses pequenos relatos que ilustraba cun debuxo. Na esencia da obra está a sociedade galega, o retrato dunha época que está afastada no tempo, pois trasládanos aos anos vinte do século pasado, pero que ten moito de global e de atemporal.

A montaxe provoca en moitos momentos o riso, posto que Castelao manexaba coma ninguén a retranca, a comedia, a farsa, pero tamén está moi presente a tristura e a traxedia, sentimentos variados que se desprenden das páxinas da obra e tamén da representación teatral.

Aparecen en escena relatos tan coñecidos como “O pai do Migueliño”, que recrea a dureza da emigración, unha temática que tristemente segue a resultar actual; ou o “Rifante” que despois de coñecer o éxito non soubo xestionar unha época mala e cría que a vergoña era peor que a fame, un tema, o da caída económica, que resulta familiar en tempos de crise. E así outros moitos relatos que aparecen en escena mesturados con pinceladas sobre o propio Castelao, para facer así unha representación dinámica, educativa e entretida.

60 minutos para achegar ao público máis novo, e non só, a unha
das obras sobranceiras da literatura galega, e tamén ao seu autor, Castelao, un dos grandes renovadores da nosa prosa e tamén un dos que mellor entendeu e representou o pobo galego.

‘Cousas’ é a creación máis orixinal que nos deixou o autor. Con este libro publicado por primeira vez no ano 1926, o xenial Castelao inventa un xénero novo e persoal. A través destas breves narracións consegue expresar a realidade esencial do pobo galego. Emoción e sentimento únense a un senso do humor extraordinario que fai da súa lectura unha experiencia única e agora tamén da súa representación en escena.