A maioría da Corporación Local do Porriño derrotou ó PP no pleno extraordinario pedido pola oposición votando en contra da urxencia de cada un dos tres asuntos que figuraba na orde do día. Como ningún deses tres asuntos pasaron previamente polas comisións municipais informativas, o propio pleno tiña que votar un por un a urxencia ou non do seu debate e aprobación. A votación de cada asunto rexistrou un empate a 8. Por unha banda votaron PSOE (4), BNG (2), EU Son (1) e Manuel Carrera (faltaba Pedro Ocampo) e pola outra os 8 votos do Partido Popular. En caso de empate decide o voto de calidade da alcaldía que nos tres casos determinou a non urxencia.
Toda esta situación orixinouse no primeiro minuto dun pleno que apenas durou un cuarto de hora. Foi o voceiro do BNG, Pedro Pereira quen prantexou como cuestión previa que os tres asuntos da orde do día non se tiveran informado previamente en comisións municipais e que polo tanto cumpría votar un por un se procedía a urxencia ou non. Pereira sinalou que esta situación “foi producto dunha inacción do PP que unha vez que insta e acada a convocatoria dun pleno extraordinario tiña que preocuparse de que se celebrasen as comisións informativas”.
O secretario municipal (que foi quen convocou o pleno pola ausencia da alcaldesa) sinalou que o pleno tiña que celebrarse pero que tamén procedía votar previamente a urxencia ou non dos asuntos.
Como fora desestimada a urxencia dos tres asuntos, a alcaldesa deu o pleno por rematado sen máis asuntos na orde do día e levantou a sesión.
Alejandro Lorenzo, voceiro municipal do PP anunciou que volverá a reiterar a convocatoria e que se reserva o dereito de emprender acción xudiciais.
Pola súa banda Eva García, alcaldesa de Porriño manifestou que o acontecido deriva de que “tanto o secretario municipal que foi quen convocou o pleno por ausencia desta alcaldesa, nin o PP que foi quen instou a celebración da sesión, tiñan que estar ó tanto de que as comisións informativas non se celebraron”.