Iván Corral, presidente da Federación Galega de Automobilismo e Fernando Mouriño, máximo responsable da Escudaría Rías Baixas louvaron o apoio do Concello de Porriño ó Rallye Rías Baixas que se celebrará os vindeiros días venres 17 e sábado 18. O 53º Rallye Recalvi Rias Baixas é unha proba valedeira para o Campionato Galego de Rallyes. Terá un trazado de máis de 250 kilómetros dos que 110 serán cronometrados.

Esta proba icónica do automobilisimo español e galego presentouse na praza Arquitecto Antonio Palacios coa presenza de Eva Garcia de la Torre, alcaldesa de Porriño, de Lourdes Moure, concelleira de Seguridade; Daniel Rodríguez, Inspector Xefe da Policía Local e Julio Bernárdez, responsable do Servizo de Deportes do Concello.


A proba, que un ano máis terá Porriño como centro neurálxico, reunirá 153 pilotos inscritos que farán a verificacións administrativas e técnicas na praza do Concello de Porriño a partir das primeiras horas do venres. E ó longo do sábado faranse dous reagrupamentos dos vehículos participantes despois dos tramos cronometrados. Un deles a Baixada de Chenlo, moi espectacular, reunirá coma sempre moitísimo público.
Daniel Rodríguez, Inspector Xefe da Policía Local solicitou ós espectadores que “fagan caso das recomendacións dos 400 voluntarios da organización que velarán pola súa seguridade”.
Precisamente o presidente da Federación Galega de Automobilismo agradeceu “ós precursores e tamén ás novas xeneracións que estades a incorporarvos á organización, o voso esforzo. Sen vos sería imposible acometer unha proba tan complexa. Quería subliñar ese recoñecemento no nome dos milleiros de siareiros ó automobilismo do noroeste de España que acoden a ver este rallye”, dixo Iván Corral.
Pola súa banda Fernando Mouriño agradeceu “de xeito moi especial” a colaboración do Concello de Porriño coa organización da proba, “non só a importantísima achega económica senón tamén a cooperación loxística, fundamental para nós”, segundo recoñeceu o presidente da escudaría organizadora.
Finalmente Eva Garcia de la Torre sinalou que “tocoume a min pero calquera outro que estivera no meu posto na Alcaldía, tería colaborado do mesmo xeito pola importancia deste Rallye, polo vencellado que está con Porriño e porque, ó fin e ó cabo, Porriño é alcumado O Concello do Deporte por razóns dabondo”, dixo a alcaldesa.