A Concellería de Vías e Obras está a levar a cabo a substitución do tellado da antiga Escola Unitaria de Covelo, en Atios, dada a súa perigosidade para os veciños. A cuberta, coma subliña o alcalde accidental Manuel Carrera, estaba nun estado de total deterioro, polo que era “moi urxente” realizar este traballo dado que as filtracións poderían causar o derrubo da mesma.
A obra, que se fai con cargo a dúas achegas da Deputación de Pontevedra, abrangue a colocación dunha nova cuberta metálica de 3.800 quilos de peso, con tella cerámica sobre unha superficie total de 390 metros cadrados.
O tellado, “no que levamos traballando xa varias semanas”, estará rematado nuns días e “non so garantirá totalmente a seguridade das veciñas e veciños de Atios que se acheguen a este lugar, senón que facilitará a realización do labor de recuperación da propia Escola Unitaria”, salienta Manuel Carrera quen lembra que o orzamento total para rematar a substitución do teito é de 60.080,71€.