Durante o mes de abril a Concellería de Cultura dirixida pola nacionalista Cami Moreira programa actividades sobre a represión franquista e a Revolución dos Cravos
Revolución dos Cravos
Os actos comezan o venres coa proxección do filme “Capitáns de Abril”, de María de Medeiros. A cita é no Centro Cultural Municipal ás 19h. O propio domingo 25 de abril, a partir das 12h, repartiranse caraveis e postais conmemorativas na Praza do Arquitecto Antonio Palacios (Praza do Concello). Haberá música ambiental con cancións de José Afonso. “Queremos poñer en valor o que significou a Revolución dos Cravos, na que o levantamento militar e popular derrocou a ditadura en Portugal. Un feito histórico que sempre foi vivido con proximidade e afecto polo pobo galego”, sinalou a concelleira de Cultura, Cami Moreira.
Memoria do 36
A pasada semana tamén se levou a cabo un acto de lembranza da represión franquista. No contexto do 90 aniversario da proclamación da II República e baixo o lema “Non deixemos a memoria soterrada nas foxas”, familiares das vítimas do alzamento do 36 e xente vinculada á memoria do Porriño e da contorna deron lectura a parágrafos dos libros “Un cesto de mazás” de Montse Fajardo, “Non des a esquecemento” de Luis Bará e “O Porriño 1936” de Xosé Ramón Paz Antón. Contouse coa presenza das propias persoas autoras. Este acto pretende ser o inicio de outros que, dirixidos á recuperación da memoria histórica, está a impulsar a Concellería de Cultura como o proxecto de realizar un documento sonoro recollendo a narración das persoas que viviron a dura represión franquista.