O club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño celebra este ano o Día do Libro dun xeito moi especial: compartindo as participantes unha fotografía onde saen todas a ler un libro, o elemento que as mantivo unidas na distancia física da pandemia. Este detalle cobra máis relevancia ao cumprirse xa máis dun ano en que o club, ata o de entón presencial, se viu obrigado a adaptarse ás circunstancias sanitarias e apostar por dinámicas de lectura e comentario a distancia, para conseguir manter a súa actividade. Así, esta imaxe conxunta está conformada pola fotografía de cada participante a ler un libro, cada unha nun lugar diferente, pero conectadas pola lectura.

Con motivo do comezo da pandemia, do decreto do estado de alarma e o confinamento do ano pasado, a actividade do club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño, ao ser presencial, víase detida. Dende a Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira, propúxose ao club de lectura a realización dunha actividade co gallo do Día das Letras Galegas e optouse pola creación dun podcast a partir da lectura conxunta e o comentario do poema “Ferrol 1916”, de Ricardo Carvalho Calero. A partir desa experiencia e a resposta tan positiva que tivo por parte das participantes, xurdiu a idea entre a Concellería e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, de desenvolver un soporte dixital específico para as actividades do grupo, do que nacería un blog (https://clublecturaporrino.wordpress.com/).

Vendo tamén as posibilidades que ofrecía o formato podcast para poder escoitarse entre todas, decidiuse escoller esta opción para que as participantes compartisen os seus comentarios, aínda que quen queira poida facelo tamén por escrito. No blog compártense as guías de lectura dos libros, os podcasts cos comentarios, e tamén recomendacións de lectura e outros recursos de interese. Outras ferramentas que se empregan para a comunicación dentro do grupo son o correo electrónico e o WhatsApp.

Durante este ano foise desenvolvendo a adaptación ás ferramentas dixitais e tamén aos cambios nos formatos de lectura. Ao comezo, debido ás restricións impostas durante aquel primeiro estado de alarma, non era posible facer uso do servizo de préstamo de libros en formato físico para os clubs de lectura, así que se tivo que optar pola lectura de textos en formato dixital. Porén, en canto foi posible retomar a lectura en papel volveuse ao formato físico, intercalándoo con algunhas lecturas en dixital durante o período de peche de bibliotecas que se produciu a comezos deste ano 2021, ou en actividades concretas, como a próxima actividade que se desenvolverá este ano tamén co gallo do Día das Letras Galegas arredor da figura e da obra de Xela Arias.

A implicación das participantes é o motor de que a actividade estea tan viva e, neste período, mesmo se produciron novas altas. Aínda que a vontade do grupo é volver en canto sexa posible aos encontros presenciais, que eran un dos trazos de identidade do club, as dinámicas a distancia permítenlles mentres seguir conectadas e compartindo lecturas; e, mesmo volvendo á actividade presencial, moitas das ferramentas de lectura e comentario a distancia seguirán a funcionar para tender pontes, facilitar as dinámicas e conectar a aquelas persoas que deciden unirse para compartir unha lectura e que hoxe deciden xuntarse, mesmo dende diferentes lugares, para desexarse e desexarnos un moi feliz Día do Libro.