A Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño, en colaboración coa “Fundación La Caixa”, organizan a actividade “Creactivity” que é un espazo itinerante promovido pola entidade financeira. Consiste en obradoiros que se realizan en colaboración cos centros educativos do municipio.
 
A concelleira de Educación, Lourdes Moure visitou o autobús que estaba aparcado ao carón do CEIP Fernández López. Alumnos deste Colexio acudiron hoxe á actividade.
Ata o venres 17 de setembro continuará en horario de mañá para o alumnado de Primaria e de 1º e 2º da ESO.
Polas tardes, estes obradoiros permanecen abertos para o público en xeral.
“Creactivity” é un espazo interactivo que fomenta o enxeño e a creatividade. Un novo proxecto itinerante que propón obradoiros para espertar o enxeño de nenos e nenas e axudalos a sentirse cómodos nunha sociedade cambiante.
O espazo permite investigar, formular retos concretos, pensar solucións, inspirarse, compartir, colaborar, improvisar, traballar en equipo e moito máis.