Lourdes Moure reuniuse hoxe cos directores de todos os centros docentes asentados no termo municipal cos que revisou os protocolos e preparativos para o regreso ás clases. A volta ás aulas comezará, de xeito escalonado, entre o vindeiro xoves 10 e o venres 11 para alumnos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. Para os estudantes de ESO, FP e Bacharelato, a volta ás clases terá lugar entre os días 16, 17 e 18 deste mes.
A concelleira lembrou ás direccións o compromiso de que o Concello realizará con medios propios unha primeira desinfección intensiva dos centros docentes que se realizará de inmediato, antes do inicio do curso en cada nivel, “aínda que non se trata dunha competencia propia do Concello”, suliñou Lourdes Moure.
Tamén Lourdes Moure garantiu aos directores que trasladará á actual empresa encargada da limpeza dos centros docentes, o establecido pola Xunta de Galicia no protocolo anti-covid que determina dúas quendas de limpeza diarias dos baños e zonas comúns. Esta cobertura será posteriormente asumida pola empresa que resulte gañadora da licitación municipal actualmente en curso para cubrir este servizo.
Por último, a concelleira e os directores acordaron manter nos centros os routers e tarxetas de conexión á Internet que o Concello contratou durante o estado de alarma para evitar a fenda dixital entre o alumnado. Agardarase ata comprobar como discorren as primeiras semanas do curso escolar.
A esta reunión convocouse ás direccións dos colexios Fernández López, Antonio Palacios, Hermanos Quiroga, Santo Tomás, Ribeira, Atios e Budiño. Tamén acudiron responsables do centro de educación especial de ACEESCA e dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro.
A concelleira Moure anunciou que o vindeiro venres 4 manterá outro encontro coas “Anpas” dos centros docentes do Porriño, convocatoria que tamén participouse aos voceiros dos grupos municipais da corporación aos que trasladará os acordos acadados hoxe.