A Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía do Porriño, é unha das bibliotecas distinguidas nos Premios María Moliner 2017 de animación á lectura. No conxunto de Galicia o número de bibliotecas seleccionadas foi de 14.
Este concurso de carácter estatal, convocado polo Ministerio de Cultura, ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas municipais que leven a cabo un proxecto que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías.
A Biblioteca Municipal do Porriño foi galardoada polo conxunto de actividades que desenvolve ao longo do 2017 que teñen coma obxectivo tentar que a nosa biblioteca municipal se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social e acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.
Cabe mencionar que a Biblioteca Municipal do Porriño ten sido seleccionada nestes premios 13 veces desde o ano 2002, conquerindo, en 2006 o 1º Premio Nacional María Moliner de Animación á Lectura e unha Mención Especial do mesmo premio no ano 2008.