A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), vén de agradecer ás veciñas e veciños do Porriño, nunha carta enviada á alcaldesa, a súa “contribución e compromiso sincero” durante os pasados días 26, 17 e 28 de xullo no que 136 persoas achegáronse a facer doacións de sangue á unidade móbil da Axencia.
Esta mesma unidade estará no Porriño, de novo, o vindeiro venres, 31 de agosto – de 10 da mañá a 2 da tarde e de 4 da tarde a 9 da noite- e o sábado, día 1 de setembro, de 10 da mañá a 3 da tarde, diante da Cafetería Scala, en Domingo Bueno.
Sobre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.
Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.