- O centro acolle 46 matrículas nos graos de Socioloxía, Traballo Social e Dereito e máis dun milleiro de participantes nas actividades de extensión universitaria, incluíndo o programa UNED Sénior
- O alcalde Alejandro Lorenzo destacou a consolidación desta aula como un referente fundamental para a formación, participación e desenvolvemento cultural e educativo, ofrecendo a posibilidade de cursar estudos universitarios sen saír do municipio
O Porriño, 25 de outubro de 2025.- “A Aula Universitaria da UNED no Porriño é un exemplo de como a educación a distancia pode integrarse plenamente na vida dunha comunidade, permitindo o acceso á universidade sen necesidade de desprazamentos e contribuíndo ao enriquecemento formativo e cultural do noso concello”, explicaba esta mañá o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, durante ao acto inaugural do curso 2025-2026 da UNED no Porriño.
O evento celebrouse na sede localizada no Multicentro de Torneiros e contou coa presenza do director da UNED Pontevedra, Víctor Manuel González, que destacou que “a Aula continúa a consolidarse como punto de apoio académico e motor de dinamización cultural, adaptándose ás necesidades do alumnado e da comunidade local”.
O inicio deste curso académico na Aula Universitaria da UNED en O Porriño confirma a crecente demanda de formación a distancia, con 46 estudantes matriculados nos Graos de Socioloxía, Traballo Social e Dereito, fronte aos 27 que houbo no curso 2023-2024, o primeiro no que se impartiron graos. “Este incremento na matrícula non só reflicte a demanda crecente de formación superior accesible na nosa contorna, senón tamén a importancia de contar cunha infraestrutura educativa próxima, que facilita a compatibilidade entre os estudos universitarios e outras responsabilidades persoais ou laborais. Isto permite que o alumnado poida continuar a súa formación sen necesidade de desprazarse fóra da comarca”.
Actividades de extensión universitaria e UNED Sénior
Máis alá do ámbito académico, a aula leva a cabo unha ampla programación de actividades dirixidas a diversos perfís de estudantes, incluíndo cursos de idiomas, formación en habilidades comunicativas, benestar e desenvolvemento persoal, así como iniciativas culturais e sociais. Neste último ano lévanse impartindo 26 cursos e talleres dos que participaron un milleiro de persoas. “Unha cifra altísima se temos en conta as 150 inscricións rexistradas no arranque da Aula da UNED no Porriño, a finais do ano 2022, cando se organizaron as primeiras actividades de extensión universitaria”, subliñou o alcalde. Neste sentido, foise incrementando a oferta, a demanda e, consecuentemente, a participación, manténdose sempre aberta a matrícula a diferentes talleres, que se van organizando ao longo de todo o curso académico.
Ao longo deste curso, tamén se continúa coa realización do programa UNED Sénior, dirixido ás persoas maiores de 55 anos que desexan seguir aprendendo e participando activamente na vida cultural e educativa da súa contorna. Este programa, que fomenta o envellecemento activo, constitúe unha oportunidade única para mellorar as súas competencias e fortalecer a súa implicación na sociedade, á vez que promove a inclusión social e cultural das persoas maiores no contexto educativo. A implementación do programa UNED Sénior durante este curso reafirma o compromiso da UNED, unha institución aberta a todas as idades que brinda espazos de aprendizaxe e participación activa.

