A alcaldesa, Eva García de la Torre, denuncia que o Partido Popular emprega de xeito desprezábel un dato referido a un equipo deportivo da nosa vila integrado por persoas con diversidade funcional, o Bacaropo, para os seus fins partidistas e electoralistas.
García de la Torre lembra que coa axuda do Concello 13 rapazas e rapaces porriñeses poden xogar ao baloncesto en cadeira de rodas para o cal dispoñen de 30.000€ para o material e 15.000€ máis para gastos ordinarios de funcionamento dun club que traballa para a prol da igualdade á que teñen dereito todas as porriñesas e porriñeses.
O Partido Popular do Porriño, de xeito mesquiño, pretende espallar públicamente e presentar coma algo sórdido este feito deixando entrever que unha concelleira da Corporación usa este club no seu propio beneficio e da súa familia: é falso pois ninguén está no club Bacaropo para lucrarse ou para cobrar un soldo, algo que saben, perfectamente, os responsábeis do PP local.
Do mesmo xeito, en caso algún, houbo un pacto, trato, arranxo ou componenda por parte da alcaldesa para que esta concelleira dera o seu apoio aos orzamentos municipais deste ano a cambio de axuda ou subvención algunha ao devandito club e, así mesmo, e isto tamén o saben moi ben os responsábeis do Partido Popular do Porriño, hai incompatibilidade ou ilegalidade algunha no feito de que un concelleiro ou concelleira, desta e de calquera Corporación, sexa directivo, presidente o dirixente dunha asociación sen ánimo de lucro ou, coma neste caso, dun club deportivo.
Eva García de la Torre pregúntase ¿por qué ao Partido Popular do Porriño non lle gusta que 13 rapazas e rapaces con diversidade funcional practiquen deporte?, ¿por qué non queren que o Concello do Porriño subvencione a un club que fai posible que compitan nenas e nenos con diversidade funcional?
Se de verdade os responsábeis do PP do Porriño queren que o Bacaropo funcione, que traballe para persoas con diversidade funcional, e están dacordo en que reciban unha axuda do Concello-por certo, unha das axudas máis baixas entre as entidades deportivas locais-, que rexeiten e desautoricen, tamén públicamente, a quen de xeito tan infame e abxecto tenta de emporcar o traballo dos integrantes do Bacaropo e o principio de igualdade de oportunidades ao que teñen dereito todas as porriñesas e porriñeses.