O Festival de Cans fará na súa 15ª edición unha gran aposta polos coloquios e encontros co público, que terán lugar no histórico ‘Baixo do Moncho’ nas mañás que van do mércores 23 ao venres, 26 de maio, sempre ás 11 e media, con entrada libre ata completar un aforo máximo de 100 persoas.

O mércores, 23 de maio, estes encontros abriranse cun coloquio sobre pioneiros no oficio da intepretación, onde se analizará a evolución da profesión de actriz e actor nas últimas cinco décadas. A presenza de Manuel Lourenzo, agora nun momento de gran popularidade polo seu papel de Vicente Otero “Terito” na serie “Fariña”, será un dos grandes atractivos destes coloquios. Neste coloquio, estará acompañado de Pilar Pereira, unha das actrices galegas de máis longa traxectoria, con multitude de papeis en máis de 50 anos de carreira no cine, no teatro ou nas curtametraxes.

O xoves, 24 de maio analizaranse as desigualdades entre actrices e actores e o debate que se está producindo sobre todo nos últimos meses, coas actrices Berta Ojea, Tamara Canosa e Mariana Fernández como relatoras. Mariana Fernández, agora presente na serie “Fariña”, pero tamén antes moi popular polo seu papel de Maribel no “Show dos Tonechos”. Mariana Fernández é ademais profesora da Universidade de Vigo onde imparte clases de dirección escénica.

Por último, o venres 26 de maio, os Coloquios de AISGE estarán dedicados ao acoso sexual, tratando de analizar este tabú que se está derrubando desde hai uns meses. A actriz Nieve de Medina, coñecida por filmes como Los lunes al sol e El Bola, a coñecida actriz galega Nieves Rodríguez, Presidenta de AAAG (Asociación de actrices e actores de Galicia) e Isabel Blanco, delegada en Galicia de AISGE e Chimpín de Prata deste ano en Cans, protagonizarán o terceiro deste encontros.