Dende o pasado día 9 deste mes, o Goberno local do Porriño, dacordo coas recomendacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, está a aplicar as medidas contempladas no Plan Especial de Actuación en Situacións de Alerta e Eventual Seca, logo da alerta declarada pola propia Confederación Hidrográfica.
Seguindo as ordes da alcaldesa, puxéronse en marcha restricións e prohibicións no subministro non prioritarios, como o rego de xardíns ou o baldeo de rúas; tamén reduciuse a presión nocturna no subministro, para evitar fugas, reforzáronse os controis de potabilidade da auga para o abastecemento e aumentou a vixilancia no funcionamento das plantas de depuración.
Eva García de la Torre subliña que o Concello está preparado para realizar cortes de subministro pola noite, se a situación causada pola seca o fixese necesario, para asegurar que os veciños teñan garantido o abastecemento de auga.
Así mesmo, nos vindeiros días rematarase a revisión de todo o sistema de subministro para evitar perdas e se fixará un máximo de 12 horas para facer a calquera reparación no mesmo, dende o momento no que se teña coñecemento dunha avaría.
A rexedora, que tamén preside o Consorcio de Augas do Louro, lembra que a Oficina Técnica da Seca de Augas de Galicia tamén ten declarado a situación de alerta por seca en 6 dos 19 sistemas hidrolóxicos de Galicia, entre os que se atopa o sistema do cal provén a auga que abastece a O Porriño, Mos e Salceda de Caselas.
Ante esta situación, pide ás veciñas e veciños que consuman responsablemente e que aforren auga tomando medidas como ducharse, non bañarse, pechar a billa mentres se enxaboan e se cepillan os dentes, non lavar o coche, regar plantas e xardíns dúas veces á semana, a primeira hora ou pola noite, non baleirar de cote as cisternas ou non usar as lavadoras e lavalouzas ata que estean ao máximo da súa capacidade.