A alcaldesa vén de remitir unha carta ao novo ministro de Fomento, José Luis Ábalos, na que solicita unha xuntanza dos voceiros da Corporación con él coa finalidade de tratar a supresión do paso do tren polo centro da vila.
Na carta a alcaldesa subliña que “ata hoxe as xestións realizadas con ADIF e o Ministerio de Fomento do anterior Goberno non son non deron froitos senón que xeraron entre os responsábeis político locais e os veciños un considerable enfado polo trato recibido e pola falla de vontade política para acometer este proxecto”.
Eva García de la Torre sinala que o pasado 1 de xuño O Porriño foi escenario dunha concorrida manifestación esixindo a Fomento a eliminación do paso a nivel e lembra que O Porriño está reclamando dende 1948 que o tren deixe de pasar polo casco urbano, onde chega a velocidades de 140 quilómetros por hora, transitando a moi preto de edificios de vivendas e da praza de abastos, e subliña que en setembro de 2016 no Porriño houbo un accidente no que morreron catro persoas e outras 50 resultaron feridas de distinta consideración.
A alcaldesa adxunta a esta comunicación a carta enviada o 23 de abril, e que non obtivo resposta, ao anterior titular de Fomento, Íñigo de la Serna, na que facía un resumo da actuación de ADIF nos anos anteriores (dende a xuntanza cos seus directivos en Madrid en setembro de 2015, pasando pola visita a O Porriño da directora de Infraestruturas deste organismo e finalmente, a dunha delegación o 12 de abril, “sen ningúns resposta concreta e limitándose a expoñer a partida de 800.000€, incluída no borrador dos Orzamentos Xerais do Estado para 2018 para a realización dun estudo previo para a supresión do paso a nivel sen ter en conta o proxecto de 2007, modificado en 2011, sobre a ‘saída sur’ que caduca en novembro deste mesmo ano”).