A alcaldesa Eva Garcia explicou hoxe aos asistentes á reunión telemática da Comisión Municipal de Seguimento da Covid que o motivo do cribado convocado polo Sergas para o vindeiro domingo “está relacionado coa aparición dun brote nunha empresa do Porriño”.

Segundo a información previa que a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo trasladoulle á alcaldesa, “aínda que a incidencia no Porriño sigue a ser moi baixa e que os infectados nesa empresa son na súa meirande parte residentes noutros concellos, o Sergas trata de determinar se hai contaxiados que sexan asintomáticos, tanto na nosa vila como na contorna”, indicou a a alcaldesa.

Cos datos actualizados do Sergas a día de hoxe, O Porriño ten una taxa de incidencia de 15 “que son os mellores números de toda a pandemia”, precisou Eva Garcia que volveu a exhortar ás 6.000 persoas convocadas ao cribado do domingo que “por favor acudan, que polo seu ben, polas súas familias e polo ben de todos nos”.

O Concello pon a disposición do Sergas o Pavillón número 2 do Polideportivo Municipal para a realización das “PCR”. Están convocadas 6.000 persoas, entre as 8:30 horas e as 22:00 horas.

A Policía Local en coordinación con Agrupación de Protección Civil despregarán un dispositivo ao redor do Polideportivo e na rúa Doantes de Sangue para facilitar a chegada e aparcamento de vehículos, segundo indicou a Concellería de Seguridade.

No que atinxe ás competicións deportivas que xa estaban programadas no Polideportivo Municipal, non haberá ningún aprazamento, segundo informou a Concellería de Deportes.