A Alcaldesa, Eva García de la Torre e o concelleiro de Turismo, David Alonso viaxan este mércores a Madrid para asistir á presentación en FITUR do Xeodestino “Ría de Vigo e Baixo Miño” do que O Porriño forma parte xunto con trece concellos máis.
Eva García e David Alonso tamén participarán como invitados o xoves a mediodía na presentación que a Deputación de Pontevedra realizará da súa campaña institucional de fomento de turismo para 2020 que este ano titulase “Sigue o teu instinto”.

No que atinxe ó novo Xeodestino “Ría de Vigo e Baixo Miño”, Alcaldesa e concelleiro apoiarán a estrea deste nova oferta que participa O Porriño cos concellos de A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. Está previsto que tamén asistan os alcaldes e alcaldesas destes concellos para arroupar a presentación do primeiro producto turístico do Xeodestino na Feria Internacional de Turismo. A presentación terá lugar ás 18 horas.

Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas 10 festas declaradas de interese turístico. Unha ampla variedade de recursos que conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de futuros produtos turísticos.

Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a captación de turistas internacionais. No ano 2018 contabilizaronse 500.000 pernoctas o que sitúa este Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño como o segundo de Galicia en volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.

A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos.