O goberno municipal levará á consideración do pleno da corporación local, a adhesión do Concello do Porriño ao Servizo Provincial de Acollida de Animais Abandonados, dependente da Deputación de Pontevedra.
A proposta que realiza Sergio Casal, concelleiro responsable de Medio Ambiente, “suporía un importante aforro de cartos e de esforzos considerables para o Concello do Porriño que ata de agora ten que afrontar con medios propios e pagando a terceiros, estes servizos”, manifestou Casal.
O custe de adhesión do Concello do Porriño ao Servizo Provincial, establecido en 0,40 céntimos por habitante, sería de aproximadamente 8.000 euros anuais. A cambio o Concello tería resolta a recollida de animais abandonados e vagabundos (basicamente can e gatos) todos os días do ano, así como a localización dos propietarios e a entrega do animal, e no caso contrario, o mantemento e coidado do animal nas instalacións de “CAAN” na Armenteira (Meis), ata que sexa dado en adopción.
A empresa pública “Tragsatec” é a encargada pola Deputación da xestión do CAAN (abreviatura de Centro de Acollida e Protección de animais abandonados). Dende 2014, primeiro ano de funcionamento do centro, tramitaron 1.900 adopcións de animais abandonados.