Goberno municipal e panadeiros do Porriño valoraron hoxe a posibilidade de realizar no mes de outubro, unha Mostra do Pan que palie a suspensión da quinta Feira anual, cancelada pola pandemia do Covid-19.


A mostra tería lugar nun único día, probablemente un domingo, nun recinto pechado que podería ser o Pavillón Municipal, o que permitiría establecer controis de acceso e un circuíto de percorrido de entrada e de saída para facer cumprir a garantías sanitarias que se establezan para entón.


Esta posibilidade valorouse na reunión que Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas e Sergio Casal, concelleiro de Comercio mantiveron cos representantes do sector de panadeiros do Porriño. Acudiron Luís Miguel Iglesias, de “A Maquía”; José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende” e Claudio, de “Panaderia Argibay”, acompañados por Noelia Conde, xerente da asociación empresarial ACIPOR.


En vindeiras semanas, ambas partes madurarán esta e outras posibilidades de colaboración. Entre elas, acordouse que a Concelleira de Cultura dea un pulo ao selo “Pan do Porriño” que está actualmente en proceso de certificación. Sería con accións promocionais que inclúan “algún tipo de exposición referida por exemplo á historia dos fornos de pan na vila”, manifestou Cami Moreira, ao termo da reunión.