O Concello do Porriño anuncia que mañá domingo 26, co motivo de ser o primeiro día que se autoriza saír aos nenos de ata 14 anos acompañados dun adulto, vai repartir 1.500 máscaras de protección de tela. Trátase doutra partida das máscaras feitas por mulleres da vila, que de xeito voluntario e altruísta, están a confecciona-las. Hai de dous tipos: unhas estampadas con motivos infantís e outros de cor negra coas cintas elásticas doutras cores. Son reutilizables e lavables a 60 graos.
Despois da súa esterilización foron envasadas hoxe por un grupo de voluntarios no Concello. Eses voluntarios axudarán aos axentes da Policía Local e de Protección Civil a facer o reparto, tanto polo centro urbano de Porriño como tamén en Torneiros e noutras parroquias do concello.
Por outra banda, esta tarde continuará o reparto de máscaras de protección para adultos. Concretamente, un milleiro máis, segundo informa a Policía Local.