A Xunta de Goberno Local, a proposta do concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira acordou incluír no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020 a humanización da rúa Aloques ata a súa intersección coa rúa Tarela cun orzamento estimado de 422.000 euros.
O proxecto foi presentado previamente polo concelleiro de infraestruturas aos residentes na rúa Aloques o pasado 5 de decembro nunha reunión que se celebrou na casa do Concello.
A mellora deste espazo urbano conleva a reorganización do tráfico, unha mellora estética e a renovación e ampliación do servizos existentes. A tal fin compre a demolición do firme actual e a súa substitución por un enlousado en pedra. E ademais acometerase a recollida de pluviais, saneamento, abastecemento de auga, telecomunicacións e electricidade.
A rúa Aloques quedará de tránsito peonil, sen tráfico de vehículos agás residentes.
O proxecto sairá a licitación, cando estean rematados os trámites burocráticos, para a súa execución ao longo deste ano.