Este xoves día 23 arrincará na Biblioteca Municipal unha novidosa proposta de conferencias, un ciclo divulgativo chamado “Bibliosaúde”.
Na primeira quenda tratase o tema do desenvolvemento visual, incidindo de xeito especial nos nenos e nenas tendo en conta que 1 de cada 4 rapaces non é diagnosticado ou é mal diagnosticado e no mundo hai 217 millóns de persoas con problemas visuais.

Lucila Tó García-Miranda será a encargada de impartir esta primeira conferencia. É unha óptica-optometrista especializada en terapia visual baixo unha filosofía do comportamento, con máis de 25 anos de experiencia e que dirixe o seu propio centro en Andorra.

Esta nova proposta da Biblioteca Municipal está na liña do desenvolvemento de programas formativos polos que ten destacado nos últimos anos de xeito sobranceiro.
Para 2020 elixiuse o ámbito da saúde en resposta ó Obxectivo nº 3 da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, auspicíada pola ONU, que propón aos centros bibliotecarios apoiar o acceso público a información sobre saúde e benestar.