O goberno municipal de Porriño lamenta a deslealdade institucional e as malas formas do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia e do voceiro municipal do PP local que polo afán de protagonizar unha foto, traizoaron o procedemento que rixe as relacions entre institucions. Neste caso entre o Concello do Porriño e a devandita Consellería.
A Alcaldía de Porriño ainda está agardando que o gabinete do conselleiro de Sanidade fixe a data na que o señor Vázquez Almuiña tiña pensado vir a nosa vila a escenificar coa alcaldesa Eva García a firma do convenio e realizar o anuncio oficial dos trámites para licitación das obras de ampliación do Centro de Saude. A elección desa data leva tempo “pendente da axenda do conselleiro”, segundo o seu gabinete.
Tivera sido máis lóxico que Jesús Vázquez Almuiña e Alejandro Lorenzo reuniranse nunha sede do PP para interpretar este teatrillo político motivado polo exclusivo interese deste partido de significarse como pretendida oposición activa nun concello onde ainda non asumiu que estará outros catro anos máis na oposición.
O Concello do Porriño xa fixo a súa parte: enviou a aceptación das condicións do borrador, axeitadamente suscrito pola alcaldesa polo que a administración municipal cede gratuitamente a parcela onde se planifica a ampliación do Centro de Saude e comprometese a aportar accesos, aparcamento e suministros.
Agardamos da Consellería de Sanidade e do seu titular que visite Porriño e complete a súa parte. Que firme o convenio e informe a todos os representantes elixidos polo pobo porriñes dos prazos, características e orzamento da desexada ampliación do Centro de Saúde que demandamos dende hai unha década.