As oficinas do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra no Porriño acollerán durante o mes de febreiro un total de 7 accións formativas no Multicentro Muncipal de Torneiros.
As mesmas teñen coma obxectivo a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade.
Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.
O Porriño acollerá os seguintes obradoiros: iníciase o xoves 7 de febreiro, ás 19:00h, co curso “Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console”.
“Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos” chegará o martes 12 ás 17 horas.
O xoves desa mesma semana, ás 19 horas, impartirase “Crea e deseña a identidade da túa empresa desde cero”.
A acción “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet” terá lugar o martes 19 ás 18 horas.
O xoves 21 de febreiro, ás 19 horas, chega “Chatbots: A automatización da atención á clientela”.
O martes 26, tamén ás 19 horas, impartirase o curso “Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais”.
Por último, o xoves desa mesma semana, ás 19 horas, terá lugar “Como promocionar o teu propio evento en redes sociais”.
As persoas que queiran poden anotarse chamando ao teléfono 886 20 20 20 ou entrando no portal web SmartPeme – www.smartpeme.depo.es.