O Concello abrirá este luns, día 3 de decembro, e ata o vindeiro día 14, o prazo de inscrición no 1º Concurso de Rondallas Concello do Porriño que terá lugar o vinddeiro 1 de xaneiro de 2019.

BASES DO I CONCURSO DE RONDALLAS

Primeira.- A Concellería de Festexos do Concello do Porriño organiza o I Concurso de Rondallas que terá lugar o día 1 de xaneiro de 2019, ás 18:00 h, no Pavillón Municipal de Deportes do Porriño.

Segunda.- Neste concurso poderán participar todas aquelas agrupacións que teñan un mínimo de 40 compoñentes e un máximo de 120.

O número máximo de agrupacións participantes limítase a 10 (dez). Como único criterio de selección estabelécese a orde de inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño.

Aquelas inscricións realizadas antes ou despois do prazo estipulado nestas bases non serán admitidas calquera que sexa a causa.

Terceira.– As inscricións para este concurso deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, no impreso normalizado que se achega ás bases, dende o 3 ao 14 de decembro de 2018, ambos inclusive. Así mesmo, deberase acompañar á inscrición, unha certificación bancaria e fotocopia compulsada do CIF ou NIF segundo proceda.

As bases publicitaranse a través de anuncio nos medios de comunicación local nos días previos ó comezo do prazo e estarán a disposición dos/as interesados/as no citado rexistro e na páxina do Concello: https://oporrino.org/.

Cuarta.– Os premios do concurso serán os seguintes:

PRIMEIRO CLASIFICADO: 1.500 euros.

SEGUNDO CLASIFICADO: 1.000 euros.

TERCEIRO CLASIFICADO: 500 euros.

Todos os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que proceda aplicar.

Quinta.- As agrupacións participantes realizarán, previo ó inicio do concurso e na mesma orde de actuación, un pasarrúas de trinta minutos polas seguintes rúas da vila: Praza do arquitecto Antonio Palacios, Rúa Antonio Palacios, Rúa Doantes de Sangue, manténdose neste último lugar á espera da entrada ó concurso.

No caso de suspensión dos pasarrúas por choiva, concentraranse na mesma orde e horario no Pavillón Municipal de Deportes do Porriño.

Sexta.- A orde de actuación no Pavillón Municipal de Deportes do Porriño das rondallasinscritas decidirase mediante un sorteo que se realizará na Casa do Concello do Porriño o día 17 de decembro ás 12:00 horas. Recoméndase que a este sorteo acuda un/unha representante de cada rondalla inscrita.

Sétima.– Cada agrupación disporá dun máximo de 12 minutos para realizar as interpretacións que estime oportunas.  O tempo dispoñible computarase dende o momento no que as agrupacións comecen a interpretar a primeira peza.

Oitava.- Estabelécense as seguintes penalizacións por exceso de tempo:

10 puntos.- polo primeiro minuto ou fracción

20 puntos.- polo segundo minuto ou fracción

30 puntos.- polo terceiro minuto ou fracción

Descualificarase inmediatamente a unha agrupación nos seguintes casos:

✔ cando o exceso de tempo supere os tres minutos;

✔ cando figuren na pista menos de 40 compoñentes;

✔ cando entre os seus compoñentes ou concursantes, figuren “majorettes”.

Novena.– Os himnos oficiais dos estados e das comunidades autónomas non poderán ser incluídos nos repertorios que executarán as rondallas participantes.

Décima.- A rondalla gañadora do concurso terá que actuar un día a convir por ambas partes, a organización e a agrupación, durante as festas de Nadal nas rúas do Concello do Porriño.

Décimo primeira.– O xurado do concurso cualificará entre 0 e 16 puntos cada unha das agrupacións, valorando os seguintes elementos:

  1. a) Criterios relacionados coa cultura tradicional e popular galega (valoración máxima 10 puntos):

– Instrumentación musical tradicional: máximo 4 puntos

– Repertorio musical: máximo 4 puntos

– Vestimenta de toda a rondalla: máximo 2 puntos

  1. b) Outros criterios (valoración máxima 6 puntos):

– Evolución e coreografía en pista: máximo 2 puntos

– Instrumentación musical xeral: máximo 1 punto

– Número de compoñentes: de 40 a 60 – 1 punto; de 60 a 80 – 2 puntos; de 80 a 120 – 3 puntos.

Décimo segunda.- O xurado do concurso, nomeado por resolución da Alcaldía, estará composto polos seguintes membros, en número impar:

Presidente/a: A alcaldesa-presidenta ou persoa en quen delegue

Vocais:

– dúas persoas relacionadas coa música, danza, etnografía, folclore ou cultura tradicionais galegos.

– un/unha representante das rondallas participantes.

– Un/dous representante/s do Concello.

A composición do mesmo variará para obter, en todo caso, un número impar de membros con voz e voto.

Secretario: Un funcionario do Concello do Porriño, con voz e sen voto, que certificará o cumprimento das condicións establecidas nas bases do concurso que se achegan no anexo a este convenio.

O presidente do xurado dispón tamén de voto de calidade para resolver os posíbeis empates.

Décimo terceira.- A concelleira de Festexos mailo xurado do concurso quedan facultados para resolver as posíbeis eventualidades e dúbidas que puidesen xurdir, non previstas nestas bases.

Décimo cuarta.- A participación neste concurso supón a aceptación de todas e cada unha destas bases. A decisión do xurado será inapelábel.