A alcaldesa, Eva Garcia de la Torre, xunto con Uxío Benítez, deputado provincial de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, e o concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, supervisou hoxe as obras realizadas polo organismo provincial para reordenar o tráfico e mellorar a seguranza viaria na estrada provincial EP-2405 entre Cerquido e Budiño, no lugar de A Costeira.

García de la Torre  salientou que a obra supón “unha mellora ostensible” na ordenación da zona e asegurou que “coa construción da rotonda evítase a altísima sinistralidade que había tal e como estaba configurado o espazo. Agora os viandantes e as persoas usuarias adaptáronse perfectamente á existencia da glorieta, o que dá idea da necesidade que había de facela”.

Para o responsable das infraestruturas provinciais a nova glorieta ven a redistribuír a circulación e calmar a velocidade nunha intersección que ata o de agora era moi perigosa e fora escenario de diversos accidentes.

Benitez subliñou que a actuación en A Costeira incluíuse dentro do Plan de Interseccións  da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación, que ten como un dos seus obxectivos prioritarios eliminar a violencia viaria e os puntos negros de toda a rede de estradas provincial.

Os traballos de mellora consistiron principalmente na ampliación do radio de curvatura da estrada principal, preto da conexión da EP-2405 da Deputación co parque empresarial das Gándaras, á altura do Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galicia.

Doutra banda, urbanizouse a zona con beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitáronse pasos de peóns e baixouse a velocidade máxima de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se solucionaron as drenaxes mediante a remodelación de beiravías e sumidoiros e instaláronse oito luminarias tipo led sobre columnas de nove metros, catro na propia glorieta e outras catro nas inmediacións da intersección.

O orzamento global ascendía inicialmente a 220.336,36€, sendo 21.534€ destinados a expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo de 132.719,68.