Como cada primeiro domingo de agosto, o campo de fútbol en Chan da Carreira será escenario desta festa gastronómica que, grazas ao esforzo e implicación dos veciños e veciñas de Chenlo, xa se ten consolidado como evento de referencia na comarca e en toda a provincia.
Chenlo conta con repetir o éxito acadado nas anteriores edicións e recibir a unhas 2.000 persoas, tal e como explicaron os organizadores do evento durante o acto de presentación na Casa Cultural de Chenlo.
Manuel Alejandro Lorenzo, alcalde pedáneo, invitou a todo o mundo a achegarse este domingo a Chenlo e compartir eles esta festa “que xa é patrimonio cultural de todos os veciños e veciñas”.
A festa comezará ás 11 da mañá coa degustación de pinchos e a actuación dun grupo de gaitas, mentres empezan a asarse os cabritos que se degustarán na comida popular que terá lugar á 1 e media da tarde. A organización ten disposto un tobogán acuático para combater a vaga de calor e gozar da actuación do grupo Os Cabritos de Chenlo.
Outro dos pratos fortes fortes deste ano chega da man de Víctor Fábrega, “Tucho”, cos seus monólogos facendo as veces de pregoeiro. Xa pola tarde haberá moitos agasallos e sorpresas, ademais do tradicional sorteo cabrito dos Cabreiros, nunha tarde que estará amenizada polo grupo 3.COM.
Está previsto que se asen uns 100 cabritos, ademais de 200 quilos de churrasco. Os precios das racións non variarán dos pasados anos: 20€ por cada ración de cabrito, 12€ por ración de churrasco, 3€ o pincho, 180 un cabrito enteiro e 90€ medio cabrito…por suposto, todas as racións inclúen empanada, patacas, bebida, pan, café e rosca.