Nunha xuntanza convocada este mércores a última hora da tarde, a instancia de todos os membros da Corporación do Porriño, integrantes de todos os grupos políticos da mesma, con entidades veciñais, sociais e culturais, comunidades de montes, representantes de sindicatos, de colectivos económicos e empresariais, de clubes deportivos, asociacións de comerciantes, de hostaleiros ou gremios de toda a vila, decidiuse iniciar mobilizacións para esixir ao Goberno de España que tome en serio a demanda, que cumpre xa 70 anos, de eliminar o paso a nivel do Porriño.
Todos os representantes dos grupos municipais, sen excepción, consideraron que acabou o tempo de pedir a ADIF e ao Goberno que o tren deixe de pasar polo centro da vila e chegou xa o de que as porriñeses e os porriñeses saia a rúa, de xeito constante, masivo e continuado para que os responsábeis públicos decidan acabar con esta situación.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, fixo un repaso do que pasou dende o ano 2007, cando o Ministerio de Fomento elaborara un proxecto no que se recollía a supresión do paso a nivel logo do desvío da actual traxectoria da vía e que, advertiu, “caducará en novembro deste mesmo ano”.
García de la Torre lembrou a xuntanza mantida en Madrid, en setembro de 2015 con dirixentes de ADIF; o accidente de setembro de 2016 no que morreron 4 persoas e outro medio centenar resultaron feridas; a visita a O Porriño da directora xeral de Infraestruturas de ADIF, en setembro do ano pasado, cunha proposta, “rexeitada, sen fisuras por toda a Corporación”, que pasaba por ‘emparedar’ a vía tras uns muros abrindo un paso soterrado para peóns e vehículos.
Finalmente, sinalou, foron ata “cinco representantes de ADIF os que viñeron o pasado 17 de abril para, salientou a alcaldesa, “preguntarnos cómo estábamos e qué queríamos, sen plan ou proposta algunha para quitar o paso a nivel”.
Foi esta actitude a que levou á Corporación a decidir que había que prescindir das negociacións con ADIF logo do que parecía unha ‘tomadura de pelo’ e tener coma único interlocutor ao Ministerio de Fomento, polo cal o 23 de abril remitiuse unha carta a ministro, Íñigo de la Serna, pedindo unha xuntanza, carta que non tivo resposta a día de hoxe.
Ante todas estas circunstancias, e dacordo con todas as asociacións, clubes, colectivos e entidades locais, acordouse conxuntamente cos voceiros dos grupos políticos municipais, convocar para o vindeiro 1 de xuño,venres, ás 8 da tarde unha manifestación, á que se pide a asistencia de todas as veciñas e veciños, para esixir o desvío da vía do tren do centro do Porriño e a supresión do paso a nivel.