A Casa do Cid, espazo emblemático do Festival de Cans, acolleu hoxe, coa presenza da alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, en representación do Concello, a administración pública que máis inviste no festival– 20.000€, ademáis da contribución á seguridade e ordenación do tráfico da Policía Local e a limpeza- a presentación da 15ª edición do certame organizado grazas ás veciñas e veciños da parroquia de Cans.
No acto desvelouse o programa ao completo, que este ano contará con cineastas Fernando Trueba e Gracia Querejeta, que participarán dos Coloquios na ‘Leira de Alicia’, e de ‘Triángulo de Amor Bizarro’ na parte musical, entre moitos outros nomes e actividades que se suman ás xa anunciadas para esta edición na que o Festival cumpre 15 primaveras.
O éxito dos encontros con directores en edicións anteriores motivou que este ano se conte por primeira vez con dous coloquios en lugar de un e que estean protagonizados por dúas persoas da talla de Trueba e Querejeta, historia viva do cinema español. Pola súa banda, Triángulo de Amor Bizarro únense ao completo e variado cartel musical de Cans coa súa actuación no Torreiro, na que presentarán o seu recén editado EP El Gatopardo.
Entre as novidades do programa deste ano, cabe salientar as das seccións ‘A que andas?’, na que se descubrirán os guións en proceso de Borja Cobeaga, Ángeles Huerta ou Ignacio Vilar entre outros e outras cineastas, e o habitual seguimento dos Fillos e fillas de Cans, nos que o público do festival poderá ver imaxes inéditas de filmes tan esperados como ‘La sombra de la ley’, de Dani de la Torre; ‘Arima’, de Jaione Camborda, ou ‘Nación de muchachos’, de Javi Camino.
Tamén haberá unha atención especial ás conexións literarias do cinema, coa primeira proxección nun festival galego de Versogramas, documental de Belén Montero e Juan Lesta sobre o fenómeno das videopoesías; e o concurso de booktrailers ‘Ollo de vidro’.
Na presentación tamen estivo presente na presentación a actriz Isabel Naveira, “moi ilusionada” por recibir a chamada do Festival para formar parte do Xurado de Ficción e Animación, que compartirá con Anxos Fazáns, Felipe Lage, Nieve de Medina e Borja Cobeaga. O Xurado de Non ficción estará integrado por Ángeles Huerta, Luis Avilés e Isabelle Le Gonidec, e Paloma Zapata, Fernando F. Rego e Eduardo Herrero comporán o de Videoclips. Haberá tamén, como é tradición, un Xurado dos Veciños e Veciñas no formado por cinco habitantes de Cans.